BNG urxe aumentar o investimento para O Morrazo nos Orzamentos do Estado
O deputado no Congreso, Néstor Rego, presenta as emendas rexistradas polo BNG aos Orzamentos do Estado para 2023 co obxectivo de incluír actuacións necesarias na comarca do Morrazo. A frente nacionalista estabelece como prioritario a rexeneración da costa e de espazos naturais, como o paseo marítimo da praia da Seara ou a enseada de Meira, así como a posta en valor e mellora de espazos como Ojea, no concello de Cangas do Morrazo, ou a rehabilitación das carpinterías de ribeira de Casqueiro e Carlago en Moaña.
A frente nacionalista demanda a redacción e execución do proxecto de estabilización do “Muro da Masandía”. A alcaldesa da vila de Moaña, Leticia Santos, lembra que o Concello contratou en novembro de 2021 un estudo de análise para verificar a estabilidade do muro e as conclusións do estudo “puxeron de manifesto a necesidade de acometer unha actuación sobre esta infraestrutura”. A inestabilidade do muro e o risco de derrubamento sobre a praia, sumado ao obxectivo de mellorar a accesibilidade da praia do Con, fan preciso “a actuación do Goberno do Estado, a través do MITECO, posto que o muro se atopa dentro de Dominio Público Marítimo Terrestre”.
“Tamén rexistramos unha partida para a recuperación do dominio público do paseo marítimo da praia da Seara” destaca Santos. A esta emenda, explica o deputado do BNG no Congreso, súmase a rexistrada para a rehabilitación das carpinterías de ribeira de Casqueiro e Carlago.
Alén do máis, a frente nacionalista propón a recuperación da zona marisqueira da enseada de Meira en Moaña. “Este espazo ambiental sufriu un numeroso número de recheos por vertidos, procedentes da construción e reparación da AP-9 e provocou a perda da illa de Samertolameu” lembra Rego.
Por outra banda, o deputado do BNG no Congreso defende a necesidade de recuperar o Espazo de Ojea e a helisuperficie no municipio de Cangas do Morrazo. “Na actualidade, os danos na estrutura de recheo son visíbeis e existen zonas perigosas para a integridade das persoas e vehículos que circulan por este espazo” denuncia a portavoz do BNG en Cangas, Mercedes Giráldez.
“O BNG tamén propón o acondicionamento da senda entre a praia de Liméns e o núcleo de Donón, así como unha partida específica para as escavacións e a construción da aula de interpretación do castro do Facho situado en Donón” afirma o deputado nacionalista. Rego explica que son necesarios os traballos de acondicionamento, así como a súa posta en valor.