BNG urxe aumentar a idade máxima de escolarización nos centros educativos especiais na Galiza
Néstor Rego reclama clarificar se a actual regulación permite ás administracións como a Xunta estabelecer unha idade máxima de escolarización superior aos 21 anos
A formación nacionalista recolle as demandas da Asociación de Nais e Pais do Alumnado de CEE da Galiza
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa co obxectivo de que o Goberno do Estado amplíe a idade máxima de escolarización nos centros educativos especiais. Esta medida recollería as necesidades das Asociacións de Nais e Pais do Alumnado de CEE da Galiza que demandan ampliar a idade máxima.
A lexislación en materia educativa fixaba no caso dos centros educativos especiais que o alumnado non poderá permanecer escolarizado máis alá dos 21 anos. Mais no caso da Formación Profesional si que se permitía que a escolarización superase esa idade e deixa ás administracións educativas o arbitrio de estabelecer o límite máximo de idade.
No caso da Galiza, a Xunta aprobou en 2011, presidida por Feixóo, a normativa que regula a atención á diversidade do alumnado nos centros docentes onde se volve a reproducir o límite estabelecido polo Estado. Mais coa aprobación en 2014 dun novo Decreto, o Goberno do Estado estabelece a escolarización en programas formativos até os 26 anos.
A Xunta, neste caso, permite a escolarización nos centros de Formación Profesional até os 26 anos de idade mais só até os 21 anos nos Centros de Educación Especial. Para isto, alega a necesaria interpretación literal da normativa básica que, ao seu entender, impide estabelecer unha idade superior. Isto non acontece noutros territorios do Estado como, por exemplo, en Castela León onde se ampliou a idade máxima de permanencia nos Centros de Educación Especial.
Por este motivo, a Plataforma de ANPAS de CEE reclama que se amplíe a idade máxima para a escolarización no caso dos centros educativos especiais. Neste sentido, demandan a equiparación na escolarización do alumnado de FP e dos CEE até os 26 anos. “Esta demanda xa estaba incorporada na recomendación do Consello da Unión Europea do 28 de xuño de 2011 co obxectivo de reducir o abandono escolar prematuro” lembra o deputado do BNG. As familias e o alumnado séntense impotentes e desprotexidos ao ver truncado o seu proceso formativo.
“En moitos casos, dificulta a conciliación laboral dos proxenitores, que se ven abocados a abandonar o seu traballo para poder prestar unha atención adecuada as súas crianzas” explica Rego. “A obriga de abandonar o centro educativo aos 21 anos pon fin de maneira abrupta e prematura ao proceso de desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional do alumnado” incide o deputado do BNG.
Rego propón ao Goberno do Estado levar a cabo unha reforma lexislativa que estabeleza, de maneira clara, a posibilidade de que as Administracións educativas fixen unha idade máxima de escolarización nos centros educativos especiais que supere os 21 anos, atendendo ás necesidade do alumnado e as súas familias. Esta medida permitiría alcanzar o máximo rendemento posíbel das súas capacidades e evitar a exclusión social dun colectivo altamente vulnerábel.
Este ano, a Xunta de Galiza permite a escolarización do alumnado con 21 anos ou máis neste tipo de centros mais realizou unha excepción que non permitirá para os vindeiros cursos académicos. A formación nacionalista reclama que este feito excepcional se converta, dunha vez por todas, en algo definitivo que permita a escolarización do alumnado nos CEE tendo 21 anos ou máis.