O BNG urxe ao Goberno a repatriación de galegos e galegas atrapadas no estranxeiro
O deputado nacionalista, Néstor Rego, vén de solicitarlle ao Goberno central a repatriación de varios galegos e galegas que se atopan atrapadas no estranxeiro debido ás restricións derivadas da crise sanitaria do COVID-19. Rego recibiu esta semana mensaxes alertando da situación de cidadáns e cidadás galegas que se atopan illadas en diferentes países, sen que a embaixada española lles preste auxilio.
Néstor Rego insistiu ao Goberno en que facilite os medios oportunos a través das embaixadas respectivas e intercedendo ante os gobernos deses países para posibilitar a repatriación destes cidadáns e cidadás, entre as que se atopan persoas enfermas, familias separadas, embarazadas e moita xente que pode perder o seu emprego se non volven o antes posíbel.
O deputado do BNG lembra que “é deber do Goberno central e do Ministerio de Asuntos Exteriores axudar aos cidadáns que se atopen en estado de necesidade no estranxeiro, e que deben colaborar e facilitar os medios e recursos que posibiliten o seu retorno salvagardando así a súa seguridade”.