BNG urxe ao goberno a “cumprir a lei” e resolver os procesos selectivos das ofertas públicas de traballo 2018 e 2019
O deputado do BNG, Iago Tabarés defendeu unha proposición non de lei para que o “Goberno galego cumpra a lei” e resolva, “sen dilación” os procesos selectivos das ofertas públicas de traballo 2018 e 2019.
Para o deputado do BNG, a Xunta debe “cumprir a lei” no que atinxe a función pública pero tamén co regulamento da propia Cámara galega e entregar a documentación solicitada polos grupos parlamentarios. A Xunta, afirmou non pode “encubrir” infraccións graves nas residencias de maiores, ou incluso que o exdeputado Núñez Feijóo deixe de xustificar ante esta cámara o “incremento patrimonial de 800 mil euros que aínda fica pendente de xustificar”. Nesta liña, lembrou que hoxe en día, este proceder sería “delito” tipificado no Código penal
Solicitamos ao Partido popular que “cumpra co estado de dereito e que cumpra coa lei” pero hoxe tamén queremos reclamarlle que “execute a oferta publica de emprego aprobada pola Xunta de Galiza para os anos 2018 e 1019”.
As ofertas públicas de emprego, explicou o nacionalista, representan uns instrumentos básicos de planificación dos recursos humanos dunha administración pública e segundo a propia lei estatal e galega é unha obriga convocar os procesos selectivos e executalos no prazo máximo de tres anos. Transcorridos case catro anos, dende o BNG consideramos que a Xunta de Galiza “debe resolver os procedementos selectivos e as tomas de posesión nas prazas de destino provisional e despois o definitivo”.
Esta “neglixencia” por parte da Xunta, afecta gravemente ás expectativas laborais e vitais de miles de persoas, contribúe a precarización da función pública e condiciona a prestación dos servizos públicos. Os procesos de oferta pública de traballo, tanto de acceso libre como interno busca a consolidacións das prazas a través do concurso oposición pero na actualidade existen moitas persoas aspirantes de auxiliar de enfermería, clínica, educación e traballo social, persoal subalterno, bombeiros forestais que tras superar a fase de oposición continúan esperando pola súa resolución. “levan tempo agardando por un posto de traballo e destino. Todas estas circunstancias condicionan a preparación, matriculación e pago de taxas para procesos selectivos convocados posteriormente.
As persoas con contratos temporais tamén son as grandes prexudicadas e vénse na obriga de participar nos novos procesos que se están a convocar. “A mala xestión da Xunta” levou a todas estas persoas a matricularse e pagar as taxas por segunda vez “por si acaso” e non superan os procesos selectivos da OPE 2019.
Nos novos procesos, dixo, tampouco se coñece o número de prazas porque o proceso de estabilizacións está en función da resolución dos anteriores procesos e moitas destas traballadoras descoñecen se a súas prazas como interinas pode verse afectadas pola OPE de 2019, 2022 e 2023 ou por ningún deles debido á “falta de transparencia e escurantismo da Xunta de Galiza”.
Iago Tabarés cualificou de “chapuza a xestión da Xunta” e criticou que a falta de planificación que afecta a miles de persoas e un prexuízo económico para todos os galegos e galegas. “A precarización da administración pública galega” responde a “intención privatizadora do Partido popular, remarcou.
O Consello de Contas constatou que existe un incremento da temporalidade nun 33,59% mentres que o persoal fixo de Galiza baixaba nun 3,31% , a temporalidade para persoal laboral para a administración pública galega é “superior ao 53%” e no persoal estatutario nun 36% sobre todo na sanidade.
O deputado advertiu que “non hai persoal para realizar funcións sanitarias, de ensino, administración xeral e asuntos sociais ante a falta de resolución dos procesos selectivos e todo isto, afirmou, implica que non hai persoal”.
O parlamentario concluíu afirmando que os gastos de persoal do goberno bipartito no 2009 ascendía a “172 mil euros máis” que a cifra do gasto de persoal da Xunta a día de hoxe.
Iago Tabarés reiterou que a proposición non de lei defendida polo BNG insta á Xunta a “cumprir a lei”, a atender as necesidades e expectativas profesionais de miles de afectados e afectadas e mellorar a eficacia dos servizos públicos.