Parlamento Europeo

BNG trasladará a Europa as boas prácticas en materia de vivenda desenvolvidas polo goberno compostelá

BNG reunión vivenda Compos
BNG reunión vivenda Compos
A eurodeputada Ana Miranda, o vicepresidente da Comisión de Vivenda do PE, Vicent Marzá, a alcaldesa Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás analizaron os principais problemas e as medidas xa adoptadas

A eurodeputada do BNG e integrante da Comisión de Política Rexional do PE, Ana Miranda, e o eurodeputado vicepresidente da Comisión de Vivenda do PE, Vicent Marzá, comprometéronse a trasladar ás institucións europeas as diferentes iniciativas xa aplicadas polo goberno de Compostela que segundo destacaron son exemplo de boas prácticas a nivel europeo para garantir o dereito a vivenda digna.

No encontro mantido no concello compostelá, a alcaldesa Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, explicaron polo miúdo as diferentes medidas postas en marcha polo Concello santiagués. Entre estas iniciativas destacan o intenso traballo desenvolvido para impulsar a rehabilitación de vivendas, para garantir a dotación de vivenda pública en alugueiro e a posta en uso do parque residencial existente, así como a preparación da declaración de zona de mercado tensionado no obxectivo de limitar as vivendas turísticas.

“A través do escano do BNG no Parlamento Europeo imos trasladar ás institucións europeas estas boas prácticas desenvolvidas polo BNG no Concello de Santiago de Compostela sobre vivenda asequible e digna”, subliñou Ana Miranda tras a reunión, a primeira da campaña impulsada polo BNG no Parlamento Europeo sobre o acceso á vivenda. Neste mesmo sentido expresouse Vicent Marzá, quen subliñou a importancia de trasladar a Europa estas boas prácticas desenvolvidas en Santiago, xa que é primeira vez que no Parlamento Europeo hai unha Comisión de Vivenda.

Limitación pisos turísticos

O vicepresidente da Comisión de Vivenda da Eurocámara destacou que o goberno santiagués está desenvolvendo medidas moi importantes na defensa do acceso á vivenda, “medidas que as debería estar exercendo a Xunta de Galiza, que é a institución que ten as correspondentes” en especial a favor da rehabilitación das vivendas e a limitación dos pisos turísticos, no obxectivo de manter os barrios vivos.

Neste sentido explicou que está aprobada xa unha directiva europea para regular os pisos de uso turístico, que entrará en vigor no 2026 e que axudará a aplicar as medidas que se están tomando en Compostela. Comprometeuse a seguir este traballo e seguir vinculando o ámbito local co ámbito europeo.