O BNG traslada as súas condolencias ás familias dos mariñeiros falecidos en Fisterra
Ana Pontón: “É un día de loito para Galiza enteira”
O BNG traslada as súas condolencias aos familiares e as amizades dos mariñeiros falecidos no naufraxio do cerqueiro Sin Querer 2 á altura do cabo Fisterra, e quere transmitir igualmente a súa solidariedade con toda o sector pesqueiro e cos homes e mulleres que traballan no mar para os que hoxe é un día de enorme consternación.
A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou o seu pesar polo tráxico accidente. “Quero trasladar o meu profundo pesar polas vidas perdidas no mar fronte ás costas de Fisterra. Todo o afecto e solidariedade coas familias neste día de loito para Galiza enteira”, transmitiu a líder do Bloque a través das redes sociais.
A formación nacionalista fai tamén un recoñecemento á solidariedade da gran familia mariñeira que non dubida en saír ao rescate en situacións de perigo e, neste caso, a rápida colaboración doutras embarcacións na zona do sinistro, xunto cos servizos de salvamento, evitou que a traxedia aínda fose maior.