O BNG traslada o seu apoio aos mariñeiros do cerco pechados no Concello de Bueu

O BNG, a través dunha ampla delegación, traslada o seu total apoio ás demandas dos mariñeiros da frota do cerco que manteñen un encerro reivindicativo nas dependencias do Concello de Bueu para reclamar un reparto xusto das cotas de pesca que lles permita vivir do seu traballo, e coa vista posta nas negociacións que terán lugar en Madrid este xoves.

A delegación nacionalista estará integrada por responsables políticos do Bloque en todas as institucións, tanto en Bruxelas, como no Parlamento galego e nos concellos afectados. Ana Miranda, portavoz do BNG na Eurocámara; Félix Juncal, alcalde de Bueu; Leticia Santos, alcaldesa de Moaña; Pilar Branco, portavoz municipal de Marín; Ornela Fernández, tenente alcalde en Vilaboa; Mercedes Giráldez, tenente de alcalde en Cangas; Xosé Leal, deputado provincial en Pontevedra, e Daniel Rodas, portavoz parlamentario de Pesca.

Rodas critica “o cambio de modelo que se levou a cabo hai dous anos, que supuxo pasar dun reparto lineal igual para todos a outro onde os supostos dereitos históricos concentran o 70% da cota de pesca nun número reducido de embarcacións, o que supón a ruína do resto da frota flota”.

Este modelo, explica o deputado nacionalista, está a ser cuestionado polo sector “dende o primeiro”, tras comprobar que significa “a ruína” para a maioría das embarcacións. “Agora finalizou o período de proba e queda demostrado que este novo modelo penaliza precisamente a quen respectou as normas e fixo unha xestión máis sostible e responsable dos recursos pesqueiros”, argumentou.

O BNG considera inviable un sistema que supón “privatizar o dereito de pesca” , pola vía de concentrar o reparto da cota nunhas poucas embarcacións. “O que debería ser de todos pasa a unhas poucas mans, sen garantir nin a viabilidade económica, nin o mantemento do emprego”, polo que chegou o momento, reclama Rodas, de recuperar “os criterios de igualdade, sustentabilidade e xestión moderna e respectuosa dos recursos pesqueiros”.

Neste sentido, Rodas indicou que “non fai mellor xestión quen máis pesca, senón quen con menos capturas é capaz de xerar maior riqueza e benestar nas comunidades costeiras. A frota do cerco galega, é un bo exemplo”, concluíu.