O BNG traslada o seu apoio aos mariñeiros do caladoiro de Mauritania

O portavoz nacional, Guillerme Vázquez, e a portavoz de Pesca do BNG no Parlamento Galego, Montse Prado, visitaron esta mañá aos mariñeiros galegos pechados na casa do concello de Marín para reiterarlles o apoio do BNG e esixir tanto do Goberno da Xunta como, sobre todo, do Central “que dunha vez fagan algo para que a flota galega non sexa expulsada de Mauritania”, tal e como establece o novo acordo pesqueiro entre a Unión Europea e o país africano.

Ademáis, o BNG esixe do Goberno Central que aboe aos mariñeiros as axudas comprometidas, pendentes de cobrar dende o mes de agosto.

“Nin a España nin a Europea lles interesa a flota pesqueira galega”

Antes de reunirse cos mariñeiros, o portavoz nacional do BNG denunciou ante os medios de comunicación que “estes mariñeiros quedan nunha situación de desamparo e sen futuro, facendo verdade aquel dito de que nin a España nin a Europa lles importa a nosa flota”.

Diante desta situación, Guillerme afirmou que “o BNG seguirá defendendo o dereito de Galiza a producir e demandamos das autoridades que non sigan mirando para outro lado”.

“Porque nin o Goberno Central, nin o señor Arias Cañete nin o señor Feijóo parece que lles preocupe o máis mínimo esta situación, e isto non pode seguir así”, denunciou o líder nacionalista.

Por iso, instou ao Goberno español “a que pete na mesa ante Bruxelas, e non o fai”. “Non é de recibo -advertiu- que máis unha vez os prexudicados por un novo acordo pesqueiro da Unión Europea sexa a flota galega e o señor Rajoy e campañía que empecen a defender o que é de xustiza: o acordo de pesca da UE con Mauritania ten que incluír a flota cefalopodeira galega”.

O portavoz nacional do BNG denunciou que “levan expulsando a flota galega dun caladoiro tras outro para ser substituídos por outras flotas comunitarias...e iso é inaceptábel”.