BNG traslada, por petición da plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, a necesidade de paralizar a eólica mariña
Néstor Rego insta o Goberno a deter o desenvolvemento da lexislación para a regulación da produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar
“Até ter todos os estudos encargados -sobre o impacto ambiental e socioeconómico- o Goberno debe de paralizar esta normativa e, polo tanto, a súa pretensión de instalar eólica mariña na costa galega” sinala o deputado
Aplicar o principio de precaución e o enfoque ecosistémico tendo en conta o coñecemento científico: proposta do BNG
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar novas iniciativas para paralizar a implantación da eólica mariña até que non existan os estudos e informes pertinentes sobre o impacto ambiental e socioeconómico que suporá para a costa galega. O deputado do BNG, Néstor Rego, traslada -por petición da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños- a través dunha iniciativa, a necesidade de que o Goberno a aprace o desenvolvemento normativo que regula a produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovábeis en instalacións situadas no mar.
Segundo a información aportada pola Plataforma o Ministerio trasladoulles que encargara un informe ao Instituto Español Oceanográfico a respecto da eólica mariña, a súa situación actual, os impactos e aspectos a ter en conta en relación ao sector pesqueiro. Neste estudo, sobre os aspectos a ter en conta para a planificación da enerxía eólica mariña recóllese a necesidade de considerar tanto os aspectos espaciais, como os socioeconómicos e ecolóxicos.
Para o deputado do BNG, Néstor Rego, é fundamental que o Goberno do Estado paralice o desenvolvemento do Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovábeis en instalacións situadas no mar. “Aínda non se teñen os informes nin os estudos necesarios que permitan coñecer cales serán os impactos sobre os ecosistemas mariños nin o impacto socioeconómico que suporá a implantación deste tipo de infraestruturas nunha zona como a Galiza, altamente dependente da pesca” afirma con cautela Rego.
A normativa apoia a cautela do BNG e da Plataforma
Entre as resolucións da Declaración de Avaliación Estratéxica dos POEM destacan dúas das primeiras que fan referencia á “análise do sector pesqueiro potencialmente afectado polo desenvolvemento da enerxía eólica mariña nas zonas propostas nos POEM” e á “análise dos efectos potenciais dos parques eólicos mariños sobre os ecosistemas mariños”.
Así mesmo, no Convenio sobre a protección do medio mariño do Nordeste Atlántico, Convenio OSPAR, estabelece que as partes “aplicarán o principio de precaución a través de medidas preventivas” e, entre as obrigas das partes, sinala que desenvolveran todas as medidas posíbeis a fin de previr e eliminar a contaminación, así como as medidas necesarias para protexer a zona marítima.
Por outra parte, a Lei de protección do medio mariño recolle, entre os criterios de planificación do medio mariño, os criterios de planificación no medio mariño. Estabelece así que a actuación dos poderes públicos se rexerá por unha xestión adaptativa das actividades humanas seguindo o principio de precaución e o enfoque ecosistémico tendo en conta o coñecemento científico e mesmo que non se comprometerá a capacidade dos ecosistemas mariños de responder aos cambios inducidos pola actividade humana.
“O propio Real Decreto polo que se estabelece un marco para a ordenación do espazo marítimo aprobado en 2017 recolle que, para a ordenación, deberanse ter en conta as peculiaridades das demarcacións mariñas, as actividades e usos existentes e futuros pertinentes” sinala Rego. De facto, deberanse ter en conta, segundo contén o propio Real Decreto, aspectos ambientais, económicos e sociais, así como aspectos de seguranza.