O BNG traslada no congreso de Esquerra a satisfacción pola sentenza do TXUE que recoñece a inmunidade de Junqueras
Unha delegación do BNG, integrada pola portavoz do BNG en Europa e coordinadora de Relacións Internacionais, Ana Miranda, e polo responsable de Relacións co Estado e director da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, participa en Barcelona no 28 Congreso Nacional que celebra mañá Esquerra Republicana en Barcelona. Mediante a esta participación, ademais de reforzar os lazos co movemento soberanista catalán, o Bloque tamén quere trasladar a positiva valoración da sentenza do Tribunal de Xustiza da UE que recoñece a inmunidade a Oriol Junqueras, cabeza de lista da coalición Agora Repúblicas, na que se presentou o BNG ás eleccións europeas.
“Dende o BNG consideramos que Oriol Junqueras debe ser liberado xa para recoller a acta de eurodeputado e formar parte do noso grupo parlamentar, Verdes-ALE”, salienta Ana Miranda, quen considera que esta sentenza pon en xaque á xustiza española e “deixa entrever a falta de respecto polos votantes que optaron pola coalición na que se integrou o Bloque nas pasadas eleccións europeas de maio”.
Segundo lembra Miranda, a sentenza estipula que Junqueras ten inmunidade parlamentaria desde o momento en que foron proclamados os resultados das eleccións ao Parlamento Europeo o pasado 26 de maio, polo que o Tribunal Supremo do Estado español debería terlle permitido tomar posesión da súa acta como parlamentario europeo.
“É inaceptable que non se respecten os dereitos dun cidadá que foi elixido eurodeputado de xeito que non poida exercer a representación política que emana dos resultados electorais”, sinala a portavoz do BNG en Europa, quen lamenta que a xustiza europea volva emendar as decisións da xustiza do Estado español. Por outro lado, Ana Miranda valora positivamente o chamamento realizado polo presidente do Parlamento Europeo, David Sassoli, para que as autoridades españolas dean cumprimento á sentenza.