BNG traslada ao Parlamento o rexeitamento de miles de persoas afectadas polos proxectos eólicos en Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Campo Lameiro e pide a súa paralización
O deputado do BNG, Luís Bará convidou a directora de Planificación Enerxética, Paula Uría a explicar “o modelo eólico depredador da Xunta” nos concellos afectados porque esas persoas dixo, “queren vivir do rural e apostar polo rural”. O plan do goberno , polo contrario, busca “expulsar a xente do rural” cun modelo baseado “no espolio dos recursos do territorio galego” para beneficiar a grandes empresas que garantan despois “as portas xiratorias”.
A través dunha pregunta parlamentaria, Bará defendeu “as enerxías renovables e o seu potencial” baixo dúas condicións: “participación pública con empresas públicas e a protección ambiental con compatibilidade dos usos do territorio”. Ademais, engadiu, que “os beneficios deben quedar aquí” e os proxectos eólicos deixar riqueza e futuro no rural e con dimensións acordes ao territorio.
O parlamentario do BNG denunciou a proliferación dos proxectos eólicos a través de varios mapas con locacións en montes e serras pero o Goberno galego, afirmou non quere escoitar as demandas dos veciños e veciñas afectados e continua con tramitacións con “pequenas operacións de maquillaxe” sen preocuparse pola “angustia e intranquilidade da xente”.
Bará aludiu aos proxectos tramitados seguindo a información pública de 30 días, porque a Xunta, explicou, está obrigada despois dunha sentenza xudicial e de non ser así continuaría facéndoo só con 15 días. Unha sentenza “demoledora” por incumprir a lei que obrigou a realizar unha nova tramitación. A cidadanía de Corme tivo a “coraxe” de enfrontarse ao goberno galego e gañar esta sentenza contra as irregularidades da Xunta.
Por outro lado, o nacionalista tamén se referiu aos informes de Campo das Rosas realizado por Turismo Rural e Porto Vidros cun de patrimonio, ambos na contorna de Cerdedo-Cotobade, e en aras da “transparencia” da que tanto presumen, ironizou, solicitou a remisión ao grupo parlamentario do BNG de ambos informes.
Dende o BNG recalcou o deputado, apostamos polas enerxías renovables e a enerxía eólica como demostramos cando gobernamos a pesar da campaña “infame e indecente” do Partido popular en contra e en conivencia coas grandes empresas. Despois desa campaña constatamos os “grandes abrazos” aos máximos responsables dos grupos empresariais e “as portas xiratorias”. Ese que agora chama “tonta á xente” en referencia ao presidente de Iberdrola, Sánchez Galán, é o que se abraza a vostedes e facilita “as cadeiras nos consellos de administración das empresas”.
O BNG está a favor das enerxías renovables e criticou que a responsable de Planificación enerxética utilizara na súa intervención os prezos da enerxía porque xa estaban disparados antes da guerra de Ucraína e do incremento dos prezos do gas, polo que resulta necesaria “ unha intervención pública e un control dos prezos” para evitar os “beneficios chovidos do ceo”. Urxe incrementar os impostos ás eléctricas e poñer en marcha a “a tarifa eléctrica galega” para abaratar o prezo xa que somos un país excedentario en produción eléctrica e renovable, concluíu.