O BNG traslada ao Parlamento unha iniciativa de Vía Galega para rematar co drama da emigración
A deputada do BNG, Montse Prado trasladou ao pleno da Cámara galega unha iniciativa de "Vía Galega" para abordar as causas e impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno e o retorno das persoas emigradas.
Prado pediu o apoio de todas as forzas políticas para considerar a emigración “un drama social e nacional” e concibir este problema como unha emerxencia nacional. Neste sentido, instou á Xunta de Galiza a “impulsar políticas que aseguren o dereito a un traballo digno na terra e crear condicións que favorecer o retorno das nosas persoas emigradas”.
Asemade, reclamou constituír, no primeiro trimestre de 2020, unha Comisión de estudo sobre a emigración galega co obxecto de que, no prazo máximo de cinco meses, estude e propoña medidas e políticas necesarias para rematar coa emigración en Galiza. Para a parlamentaria, a comisión debe rexerse pola defensa da base produtiva de Galiza e dunha economía autocentrada que xere “emprego digno e de calidade”, desenvolvendo políticas socias que aseguren a igualdade e favorezan a conciliación da vida laboral e familiar.
A deputada tamén pediu un compromiso para potenciar o tecido industrial e os sectores agrogandeiro, forestal, marítimo-pesqueiro , enerxético, I+D+I e das TIC.
Tras a intervención da portavoz do Partido popular, Raquel Arias anunciando o voto en contra á iniciativa nacionalista, a parlamentaria do BNG lamentou que, unha vez máis, o PP persista nunha postura contraria a resolver o grave problema da emigración. O PP, dixo, presume de gobernar no “mellor sitio para nacer pero pecha paritorios, o mellor sitio para ser nenos e nenas pero sen políticas de conciliación, o mellor sitio para ser maior pero sen residencias e coas pensións máis baixas do estado” e anuncian máis proxectos en marcha. “Pídolles, por favor, que non o fagan despois de ver os resultados das súas políticas”.
A deputada explicou que a iniciativa de Vía Galega está sendo debatida en concellos nos que o Partido popular votou a favor como, Coirós, A Guarda, Cee, Catoira, Moaña e absténdose en Santiago, Corcubión e Rianxo. O mesmo ocorre, engadiu co paritorio de Verín sobre o que unha parte do PP vota en contra do seu peche e a que toma as decisións está de costas. Ante un problema de grande magnitude como a emigración, reiterou a nacionalista, reclamamos crear unha comisión para poñer no centro de debate esta situación e constatamos que o Partido popular, de novo “vira as costas” á cidadanía.
Segundo o Instituto Galego de cualificacións dependente da Consellería de Traballo, afirma que por cada persoa universitaria que chegou a Galiza, atraída por algún contrato de traballo, “marcharon dúas persoas”, e dicir, si viñeron a traballar ao noso país 7.585 licenciados e licenciadas, entre o 2008 e 2016, “marcharon 15.026”.
Prado concluíu a súa intervención asegurando que a “emigración do pasado en Galiza tiñan no seu ideario o retorno pero hoxe a xente moza que emigra vaise coa idea de non volver e iniciar un proxecto de vida fóra”.