O BNG traballará arreo para que o 21-O freemos a marea negra de "inxustiza social" do PP
Esa marea negra -engadiu- vai ser contestada por unha inmensa marea social, marea cívica e popular que da man do BNG vai apostar por unha Galiza máis libre e máis xusta, polo afortalamento do autogoberno e por unha saída social á crise.
Da man do BNG o próximo 21-O virá esa contestación social a prol dunha Galiza máis libre e máis xusta
Jorquera fixo estas afirmacións logo de lembrar o exemplo de dignidade colectiva, de sentido de pobo que os galegos e galegas amosaron coa catástrofe do Prestige, coa que combateron non só a marea de chapapote que asolou o País neses días senón tamén a marea de incompetencia e desprezo por Galiza que amosaron os gobernos do PP, tanto na Xunta como no Estado.
A uns díasde que comece na Coruña o xuízo polo sinistro, o candidato nacionalista puxo este exemplo enriba da mesa convencido de que os tempos actuais requiren dunha grande contestación social como a que se produciu daquela.
Participar en política
Para Jorquera, fronte ás políticas de recortes e a utilización da crise como pretexto da dereita para impor o seu modelo económico e político, é fundamental a mobilización social, exercer a conciencia cidadá e como pobo pero tamén participar en política.
Neste sentido, explicou que a actual situación só se pode resolver dende o ámbito da política, pero sempre e cando se recupere o sentido ético da mesma, porque política deriva de cidadán, de quen exerce os seus dereitos na praza pública.
Hai que participar -dixo- apostando por políticas diferentes, por políticas alternativas como as que defende o BNG; que priorice a economía produtiva, a xeración de emprego, a defensa do autogoberno e uns servizos públicos e socias universais e de calidade, como piares básicos do estado do benestar.
O candidato do BNG lembrou que o que está en xogo o próximo 21-O é o modelo de sociedade que queremos para o futuro; ou o modelo da dereita, moito máis inxusto no económico e no social e recentralizador e antidemocrático no político, ou un modelo que teña os intereses das maoirías sociais como prioridade, e aí están os homes e mulleres do BNG.
Aymerich, número 1 por Pontevedra
Pola súa parte, o cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Carlos Aymerich,insistiu nesta idea e advertiu que o cambio non vai vir nin do PP nin de ningunha forza que non teña a súa cabeza e seu centro de decisión en Galiza, senón do BNG.
O candidato reprochou a Feijóo que non estean os 9.000 postos de traballo que comprometeu co naval e asegurou que malia que o PP se negue a celebrar unha consulta para que os cidadáns decidan se queren as políticas que está a aplicar, ese referendum vai producirse o próximo 21-O.
Carme Adán, candidata número 2 pola provincia, aproveitou a súa intervención para reiterar o compromiso do BNG coa xeración de emprego e a súa insumisión aos recortes do PP, denunciando os alarmantes dados de paro que se rexistran actualmente na cidade, 33.000 persoas, e na provincia, onde suman 100.000.