O BNG tilda de "insuficiente" a devolución do complemento das extras ás e os empregados públicos
A deputada do BNG, Tereixa Paz, a través dun texto alternativo ao proxecto de lei do PP, reclamou o pagamento dos complementos dos exercicios 2013, 2014, 2015 e 2016 e blindar a integridade das pagas extras no 2017
A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz defendeu un texto alternativo ao proxecto de lei do Partido popular sobre a retribución de carácter extraordinario para os empregados do sector público autonómico polos importes deixados de percibir no período entre o 1 de xaneiro e 28 de febreiro do 2013. O texto do BNG ao proxecto de lei do PP reclamaba o pagamento íntegro dos complementos específicos e demais complementos correspondentes aos exercicios 2013, 2014, 2015 e 2016.
O BNG propuxo o pago correspondente a xaneiro e febreiro de 2013 coa nómina do mes de agosto.
O PP converte o Parlamento nunha terminal de San Caetano
Para a nacionalista, a presentación da lei do PP, baixo o trámite de urxencia e lectura única é un abuso e responde ao interese electoralista do Partido popular. O PP dixo, quere converter o Parlamento nunha terminal de San Caetano e nun plató de televisión para que o conselleiro de Facenda faga propaganda en período preelectoral da campaña das autonómicas.
A deputada cualificou a lei do PP de un intento de engano ás persoas empregadas no sector público porque o que realmente se restitúe a é unha ínfima parte do salario indebidamente recortado polo Goberno de Núñez Feijóo. Asemade, criticou que o PP sega vendendo que se restitúen os dereitos dos empregados públicos cando se están a manter gran parte dos recortes a través da lei 1/20/12 e mesmo algúns xa consolidados na Lei do 2015 de emprego público.
Na súa intervención Tereixa Paz tamén criticou que o Goberno só propoña a devolución da parte proporcional correspondentes a xaneiro e febreiro de 2013, que é o que ordena a sentenza, e non non a do que lles adebedan do resto do ano 2013 e do 2014, 2015 e 2016 completos e que mesmo rexeitara negociar un cronograma para proceder á devolución desas cantidades de forma progresiva.
O pago coincidirá coas eleccións galegas
A deputada afirmou que estamos ante unha nova utilización electoralista das retribucións dos empregados públicos e explicou que dende febreiro que se coñece a sentenza que obriga á devolución da integridade das pagas correspondentes a xaneiro e febreiro de 2013, a teor deste proxecto de lei, a devolución vaise producir en setembro ou outubro, xusto coincidindo coas eleccións galegas. Que curioso ironizou.
Por outra parte, a parlamentaria tamén defendeu diversas modificacións legais para recuperar dereitos laborais perdidos como o caso das libranzas nos centros de servizos sociais para garantir a atención adecuada aos e ás usuarias.
O Partido popular anunciou o voto en contra da emenda á totalidade e texto alternativo defendido pola deputada do BNG.