Carme da Silva: "O BNG ten que estar no Congreso para que o Salnés e Galiza conten e as forzas estatais non nos ignoren"
A cabeza de lista polo BNG en Pontevedra defende a necesidade dunha axenda específica da Arousa en Madrid que fale da pesca, da mellora da N-640, e de todas as demandas da comarca
“O Bloque Nacionalista Galego ten que estar no Congreso a partires do 28 de abril para que Galiza conte, para que O Salnés conte, e non nos ignoren as forzas políticas estatais”. Así o indicou a cabeza de lista do BNG ás eleccións xerais do 28 de abril pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, ao presentar hoxe–coa torre de San Sadurniño de Cambados ao fondo- a candidatura nacionalista para as Cortes do Estado.
Da Silva estivo acompañada pola tamén candidata e concelleira no Concello de Cambados, María Xosé Cacabelos, así como por David Otero e Marta Ferreiro; pola deputada do Parlamento galego Montse Prado, e polos concelleiros Víctor Caamaño e Teresa Prado, de Cambados, que a arrouparon nas súas reivindicacións para a comarca.
A nacionalista destacou que as eleccións xerais do 28A son unha oportunidade para que Galiza recupere a voz que perdeu en Madrid e que se volva falar dos problemas reais dos galegos e galegas alí onde se toman as decisións que lles atinxen. Segundo dixo, “é un clamor que se chega a estar o BNG na pasada lexislatura no Congreso non se terían pactado uns orzamentos entre PSOE, Podemos e En Marea absolutamente discriminatorios para este país”.
Da Silva asegurou que para Galiza hai sectores que son estratéxicos como a pesca ou o marisqueo que a Madrid non lle interesan porque “a Madrid non chega o mar e a pesca no Estado Español non é un sector estratéxico”. Fronte a esta situación, a nacionalista asegurou que no Congreso ou está o país coa voz propia, a do BNG, ou ninguén os reivindica. Tamén destacou que “o noso proxecto non é un proxecto do BNG, é un proxecto amplo no que ten cabida toda a xente que lle queira a este país e que defende que temos dereito a vivir aquí, a traballar aquí, e a que non teñamos que emigrar como está a pasar con moitísima xente moza”.
A cabeza de lista para as xerais subliñou que O Salnés ten que ter unha axenda propia no Congreso dos Deputados xa que hai especificidades da Arousa que hai que tratar dende unha óptica propiamente galega. Así, Da Silva afirmou que hai temas como o das cotas da pesca e a situación das infraestruturas na comarca, como a N-640, das que hai que botar man. “A N-640 é unha das estradas do Estado con máis índice de accidentes. Hai que intervir aí, investir nesa infraestrutura porque non pode ser que estea a morrer a xente nunha infraestrutura que depende do Estado e que se ignoren as súas necesidades. Temos os seguros de coches máis caros do Estado polo estado das nosas infraestruturas”, asegurou.
Outro exemplo do desleixo do Goberno central co Salnés, dixo Da Silva, é a praza de Abastos de Cambados, sobre a que hai un convenio para que se rehabilite que non foi recollido nos frustrados orzamentos do Estado. “Temos a seguridade de que se o Bloque Nacionalista Galego estivese no Congreso e eses orzamentos houbese que pactalos con nós, ese investimento estaría presente. Porque nós non aceptamos orzamentos que non contemplen as necesidades que ten este país, sobre todo cando son compromisos xa adquiridos”, insistiu.
Da Silva asegurou que “queremos decidir, ter capacidade para que o voto dos galegos e das galegas conte. E nós temos a seguridade de que dous, tres, catro, cinco deputados do BNG van facer moitísimo máis que os 23 mudos que estiveron na pasada lexislatura polas circunscricións galegas”, destacou. Finalizou asegurando que o BNG afronta a campaña con ilusión, “cun proxecto ilusionante ao que cada vez se une máis xente, que cada vez xera máis simpatía”, e co convencimento de que milleiros de persoas o 28 de abril van apoiar ao Bloque Nacionalista Galego “para que Galiza teña esa voz que tanto precisa no Congreso e que non se perdan catro anos máis”.