O BNG suspende as súas relacións con CiU pola súa "intromisión sistemática" en temas chave para GZ

O Bloque Nacionalista Galego decidiu deixar en suspenso o seu "marco de relacións" políticas con Convergència i Unió pola "intromisión sistemática" da forza política catalá en asuntos que, como o AVE ou o futuro do sistema financeiro galego, afectan aos intereses estratéxicos de Galiza.

Así llo comunica, através dunha misiva que achegamos, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, ao secretario xeral de CiU, Josep Antoni Durán i Lleida.

O BNG sempre ten defendido a Galiza sen agredir os intereses doutros pobos

Na carta, Guillerme afirma que CiU, ao cuestionar abertamente "asuntos trascendentais" para Galiza, ten quebrado as bases dunha relación que no pasado se sustentara "no respeito mutuo e na reciprocidade".

O BNG, observa o portavoz nacional, mostrou o seu desagrado ante declaracións realizadas por cualificados dirixentes de CiU en que se puña en cuestión a idoneidade de "supostos investimentos nas nosas infraestruturas ferroviarias ou o futuro da entidade financeira que concentra boa parte do aforro galego". Pese ao BNG exteriorizar o seu malestar, CiU persistiu na súa atitude, o que obriga á formación nacionalista galega, explica Guillerme, a "deixar en suspenso o marco de relacións que mantivemos ao longo destes anos".

Guillerme pon en valor que, a diferenza de CiU, o BNG sempre "ten sabido defender a Galiza sen agredir os intereses doutros pobos".