Apoiamos a manifestación pola dignidade dos medios públicos de comúnicación do 8 de setembro
A Executiva Nacional do BNG acordou trasladar ao Comité Intercentros da CRTVG e ao Comité de Empresa da CRTVE-Galiza, o seu pleno apoio e adhesión á manifestación pola dignidade dos medios públicos de comunicación que terá lugar en Compostela o vindeiro sábado 8 de setembro.
Cremos que a delicada situación que atravesan os medios de comunicación de titularidade pública no noso país merece unha resposta social á altura da súa gravidade. Polo ben da democracia e do dereito a unha información neutra, imparcial, obxectiva e centrada na Galiza.
Aproveitamos para trasladar, desde a dirección do BNG, o noso máis sincero recoñecemento pola loita que estades a desenvolver as traballadoras e traballadores dos medios de comunicación públicos, unha loita necesaria, oportuna e imprescindíbel. Moitos azos!
Nota: a saída da manifestación está prevista para as 10.30h. desde a sede da CRTVG en San Marcos (Santiago de Compostela). As previsións que manexa a organización é que a manifestación chegue á Praza de Praterías ás 12.30h. onde se dará lectura ao manifesto.