BNG solicitará no Parlamento a rescisión do contrato con Ambulancias Civera na área sanitaria Pontevedra-O Salnés por incumprimento das condicións
Prado aludiu á protesta de onte do persoal traballador de Ambulancias Civera no Hospital Montecelo, que aínda teñen pendente o pago da súa nómina completa de decembro
“Falta de material básico, deterioro do existente, vehículos que non pasan a inspección sanitaria nin a ITV” son algúns dos numerosos incumprimentos que denunciou a portavoz de Sanidade
O BNG vén de presentar unha serie de iniciativas no Parlamento para que a Consellería de Sanidade rescinda o contrato con Ambulancias Civera por mor dos reiterados incumprimentos das condicións da concesión que están a provocar graves situacións no eido laboral e na atención sanitaria.
A portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, solidarizouse coa protesta do persoal traballador de Ambulancias Civera onte no Hospital Montecelo, concentrado en protesta polas graves condicións laborais e polo impago da nómina completa do pasado mes de decembro, “a situación vivida é un novo episodio na longa serie de denuncias polas deficiencias e incumprimentos que se levan meses denunciando”, criticou. Unhas eivas que teñen consecuencias “no laboral e na atención á poboación” da área sanitaria de Pontevedra – O Salnés, de preto de 300.000 persoas, remarcou a deputada do Bloque.
Prado recriminou a “falta de material básico, deterioro do existente e vehículos que non pasan a inspección sanitaria nin a ITV”, entre outros incumprimentos, e emprazou á xerencia a “responsabilizarse” para garantir tanto a calidade do traballo como a calidade do servizo de asistencia que se lle presta á cidadanía.
É por iso que a portavoz de Sanidade esixiu ao Goberno do PP “deixar de mirar para outro lado” e anunciou hoxe a presentación por parte do BNG dunha serie de iniciativas na Cámara para solicitar a rescisión do actual contrato con Ambulancias Civera e a creación dun novo “con condicións axeitadas” para a atención dos usuarios e usuarias desta área sanitaria.