BNG solicitará ao Goberno do Estado que “non ampare nin apoie” a instalación de Altri na Galiza
“Vai o Goberno a incluír o proxecto de macroplanta de celulosa de Altri en Palas de Rei (Lugo) nas axudas PERTE de descarbonización industrial?” preguntará da Silva a Hereu
O futuro da macrocelulosa que se quere instalar no corazón da Galiza chega ao Senado da man do BNG: “o Goberno debe aclarar se aposta por este proxecto a costa dos nosos sectores produtivos”
Durante a vindeira sesión de control ao Goberno no Senado, Carme da Silva preguntará ao Ministro de Industria, Jordi Hereu, se incluirá o proxecto da macrocelulosa que se pretende instalar en Palas de Rei nas axudas dos fondos europeos do PERTE de descarbonización, tal e como require a empresa lusa Altri. O BNG lembrará ao Goberno do Estado que este proxecto incumpre os requisitos estabelecidos para a percepción destes fondos e alertará das graves afectacións ambientais e socioeconómicos que supón a instalación deste proxecto.
“Vai o Goberno a incluír o proxecto de macroplanta de celulosa de Altri en Palas de Rei (Lugo) nas axudas PERTE de descarbonización industrial?” será a pregunta que formulará a senadora do BNG, Carme da Silva a Jordi Hereu, Ministro de Industria. A carteira do Goberno do Estado encargada de decidir a que proxectos se entregan as axudas dos fondos europeos “deberá dar a coñecer a posición do Goberno en relación a este proxecto” e mesmo se existen “algún tipo de compromiso por parte do executivo para que a macrocelulosa poida acceder a estes fondos”.
A senadora do BNG lembrará que unha das condicións que estabelece a empresa lusa para se instalar na Galiza é recibir entre 200 e 250 millóns de euros dos fondos europeos e, especificamente, quere acollerse as axudas do PERTE de descarbonización. “Os criterios estabelecidos para a percepción destas axudas deixan claro que só se poden financiar aqueles proxectos que contribúan a asentar economías máis sustentábeis e mellor preparadas para as transicións ecolóxicas e dixitais. O proxecto de Altri non o fai” denunciará da Silva durante a sesión de control.
Alén do máis, o BNG entende que o Goberno “non pode amparar nin apoiar o desenvolvemento de industrias que afecten negativamente ao medio ambiente, á protección da biodiversidade e a un uso sustentábel dos recursos hídricos”. Tampouco, engade Carme da Silva, a un proxecto que suporá a destrución do sector agrogandeiro nas comarcas do corazón do País, a destrución do río Ulla e que mesmo terá graves consecuencias na Ría de Arousa, véndose afectado un sector tan importante como o marisqueiro.
De facto, continúa a senadora da Silva, se o Goberno do Estado rexeita conceder á empresa lusa as axudas do PERTE de descarbonización “abriríase a posibilidade de que Altri retroceda nas súas pretensións de instalarse en Palas de Rei e, polo tanto, na Galiza”.
Reindustrializar a Galiza e apostar polos sector estratéxicos
Por outra parte, a senadora do BNG sinala a importancia de aproveitar os fondos europeos para reindustrializar o País, mais que sexa un proceso “baseado en criterios de sustentabilidade e unha industrialización racional”. “E si, queremos que os recursos do mecanismo de Recuperación, Transformación e Resiliencia –sobre todo do PERTE de descarbonización- veñan para a Galiza mais a través de proxectos que, baseados nun modelo sustentábel, permitan fechar os ciclos produtivos no propio País” reivindica.
Paralelamente, o BNG fai unha aposta decidida por un modelo que poña no centro o desenvolvemento socioeconómico das comarcas da Ulloa, Terras de Melide, de Arzúa e o propio Salnés. “Defendemos plans de dinamización que pulen polos sectores estratéxicos e a creación de postos de traballo de calidade: a través do desenvolvemento do sector primario, un plan integral para a mellora integral da calidade auga, a rexeneración e reactivación da Ría de Arousa” enfatiza da Silva