O BNG solicita a suspensión dos prazos das declaracións trimestrais do IVE e autoliquidacións tributarias
O deputado Néstor Rego defende que é una medida razoábel do punto de vista económico e necesaria para evitar novos riscos de contaxio durante a tramitación.
O BNG recolle a preocupación que existe tanto entre autónomos como xestorías administrativas.
O Bloque Nacionalista Galego, ante a crise sanitaria que estamos vivindo, considera necesaria a suspensión dos prazos das declaracións trimestrais do IVE e autoliquidacións tributarias que darán comezo o día 1 de abril. O BNG entende que, para alén de ser unha carga económica para os autónomos e autónomas nun momento especialmente complexo, a tramitación supón un risco alto de contaxios na gran maioría dos casos, pois son poucos os que teñen informatizado o sistema, o que obrigará a desprazarse até as xestorías e entregar a documentación en man. Ademais de se poderen formar aglomeracións tanto nas xestoría como nas entidades bancarias para efectuar os pagamentos. Nestes momentos, a protección da poboación e evitar o aumento de contaxios debe ser o prioritario.
No Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o Estado de Alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 , contemplábase inicialmente a suspensión e interrupción dos prazos para a tramitación de procedementos administrativos. Isto aplicaríase con carácter xeral a todos eles, incluídos os procedementos tributarios. No entanto, mediante o Real Decreto 465/2020, de 17 de marzo, polo que se modifica o Real Decreto 463/2020, , produciuse unha modificación, de tal forma que agora a Disposición adicional terceira, referida á suspensión de prazos administrativos, di o seguinte: “6. A suspensión dos termos e a interrupción dos prazos administrativos a que se fai referencia no apartado 1 non será de aplicación aos prazos tributarios, suxeitos a normativa especial, nin afectará, en particular, aos prazos para a presentación de declaracións e autoliquidacións tributarias”.
As principais actividades afectadas serán as declaracións trimestrais do IVE e o comezo das declaracións do IRPF, que tamén se prevén que se realicen con normalidade a partir de 1 de abril.
Néstor Rego manifestou a súa preocupación ante o risco de novos casos de infección: “Hai que pensar que na maioría de pequenas empresas e autónomos non estableceron as xestións integramente dixitais, a entrega de documentación, facturas, recibos e os certificados deben ser en papel. Isto obriga á poboación a saír dos seus domicilios para acudir a súa xestoría a levar esta documentación e logo ás entidades bancarias a realizar os pagamentos. O que vai en contra do protocolo estabelecido para a evitación de aglomeracións innecesarias para evitar a propagación do virus”.