O BNG solicita que se retome a tramitación dos contratos que dependen das Administracións Públicas
O Bloque Nacionalista Galego solicita que se mude o Real Decreto no que se aprobou o estado de alarma a consecuencia do COVID-19 para que desde este mesmo momento se retome a tramitación dos contratos que dependen das Administracións Públicas.
Como consecuencia da declaración do estado de alarma, os prazos e trámites na tramitación dos contratos do Sector Público quedaran paralizados, cuestión que xa no seu momento apuntara o BNG que considerou que “foi un erro suspender dende un primeiro momento a tramitación de todos os procedementos das entidades do sector público” desde a entrada en vigor do estado de alarma. Disto quedaban en excepción os contratos administrativos que tiveran relación directa coas necesidades derivadas da pandemia do COVID-19, mais o resto de tramitacións quedaron conxeladas. Esta paralización das tramitacións tradúcese nun atraso de traballo que xa estaría preparado para executar no momento en que se levantara o confinamento e se puidera reiniciar a actividade económica.
Agora, cando o fin do confinamento se ve máis próximo, sería necesario que a xestión administrativa se normalizara e así, garantir que no momento en que a actividade económica poda pórse outra vez en funcionamento, os trámites estean rematados. Ademais estas xestións non supoñen un risco para a saúde pois tanto as empresas como os funcionarios poden facelo mediante teletraballo e a través das sedes electrónicas das diferentes administracións.