BNG solicita a previsión do MITMA para implantar na Galiza os trens Avril
Néstor Rego rexistra iniciativas sobre a operatividade da nova serie 106 de Talgo na rede ferroviaria interior da Galiza e o Plan de Homologación
O BNG quere coñecer os tempos que este novo tren recortará nas viaxes entre as principais cidades da Galiza, a data de inicio do servizo e o número de trens que circularán
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas sobre a operatividade dos trens Avril na rede ferroviaria interior de Galiza e os detalles do Plan de Homologación dos mesmos. A organización nacionalista demanda información ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana sobre a previsión da posta en marcha dos trens para este verán e a data de finalización da fase de probas, así como prazos para a realización dos cursos de formación do persoal maquinista. Quere coñecer as datas concretas para activar os desprazamentos mediante estes trens entre as cidades da Galiza e a cantidade de operativos que circularán.
O tren Avril, a nova serie 106 de Talgo, atópase nestes momentos en fase de probas nas vías ferroviarias da Galiza, un trámite imprescindíbel para a operatividade dos novos trens. O compromiso adquirido polo MITMA fixaba que a comezos de verán os trens Avril ofrecerían servizo na Galiza.
Neste sentido, a frente nacionalista ademais de demandar información sobre a posta en marcha destes trens, solicita coñecer cando ten previsto o Ministerio rematar coa fase de probas e as “datas que se manexan para realizar a formación dos maquinistas para o control deste novo transporte”. Rego require saber se o MITMA cumprirá a súa promesa de pór en marcha este servizo para verán e en que data concreta “van estar operativos estes trens para os desprazamentos entre as cidades da Galiza”.
“Trátase de trens de rodadura móbil que se adaptan ao ancho internacional e ao ancho ibérico (o existente na rede interior da Galiza. É pois de ancho variable e poden chegar a unha velocidade de 300 km por hora” apunta Rego como unha oportunidade para vertebrar e conectar as principais cidades da Galiza reducindo os tempos de viaxe. Está concibido para circular por liñas de ferrocarril con diferentes anchos de vía. É sabido que o tren Ave a Galiza desde Madrid circula en ancho internacional até Ourense, pero que a rede interior de Galiza é de ancho ibérico.
En opinión do deputado nacionalista, a posta en marcha do tren Avril suporía unha redución dos tempos de viaxe duns vinte minutos entre A Coruña, Vigo ou Santiago o que facilitaría e promovería o uso deste medio de transporte en detrimento do vehículo privado “se se acompaña dunha política tarifaria e horarios adecuados”. A organización nacionalista quere coñecer de maneira exacta o número de trens Avril que circularán pola rede ferroviaria interna galega para saber que cantidade de servizos se podería facer para conectar as principais cidades do País.
Alén do máis, o deputado do BNG demanda o Plan de Homologación destes trens “para as vías ferroviarias da Galiza e coñecer a concreción para a circulación destes trens Talgo”.