BNG solicita a comparecencia de Marlaska e Bolaños en relación coas vacacións de Juan Carlos de Borbón en Sanxenxo
Rego considera que, para alén de informar sobre o custo en transporte e seguranza para o erario público, o Goberno tamén debe posicionarse sobre se considera correcto a volta de quen fuxiu da xustiza e aínda non deu explicacións sobre as múltiplas evidencias de corrupción.
“É unha burla ao conxunto da cidadanía que despois de se fugar para evitar a actuación da xustiza teñamos que pagar as vacacións ao Borbón corrupto” denuncia o deputado do BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar as solicitudes de comparecencia na cámara baixa dos ministros de Interior e Presidencia para que expliquen a posición do executivo estatal a respecto da visita a Sanxenxo do Ex-Xefe de Estado fugado. A organización nacionalista quere coñecer a canto ascenden os custos das vacacións do Borbón en cuestións como transporte e a seguranza nestes días na localidade pontevedresa e en Madrid. Rego exixe coñecer se o Goberno considera correcto que Juan Carlos de Borbón volte ao Estado español sen que dese ningún tipo de explicación sobre as múltiples acusacións de corrupción, cobro de comisións, fraude fiscal e, mesmo, en relación ás informacións sobre a súa participación no tráfico de armas.
Estas iniciativas súmanse ás xa rexistradas anteriormente pola organización nacionalista para coñecer a posición do Goberno en relación co regreso de Juan Carlos I e mesmo se o executivo participou, conxuntamente coa Casa Real, na preparación da visita. “Queremos coñecer a canto ascende o custo do dispositivo de seguranza organizado para a mobilidade do Ex-monarca fugado, así como cantos elementos das forzas e corpos de seguridade están a participar neste dispositivo” reclama o deputado do BNG que ve “inxustificábel a alfombra vermella que o Goberno está a pór a un ex-xefe do Estado que polas diversas informacións sobre actividades presuntamente delituosas xa se ten convertido en símbolo da corrupción institucionalizada”.
“Solicitamos a comparecencia do Ministro de Presidencia para que explique a posición do Goberno en relación coa volta de Juan Carlos de Borbón e se a considera adecuada politicamente tendo en conta que aínda non deu ningún tipo de explicación sobre as múltiples acusacións de corrupción, cobro de comisións, fraude fiscal e mesmo en relación ás informacións sobre a súa participación en tráfico de armas” salienta Rego.
Así mesmo, o BNG tamén solicita a comparecencia do Ministro do Interior en Comisión para que que “informe sobre canto custará ao erario público a estadía do Borbón na Galiza e no Estado español, particularmente en relación co traslado e a seguranza durante a súa visita”.
En opinión do deputado nacionalista, o executivo estatal está contribuíndo, coa posición manifestada pola portavoz do Goberno e outros membros do Goberno, para deteriorar aínda máis a credibilidade das institucións españolas “protexer un ex xefe do Estado envolto en numerosos escándalos económicos e fiscais”.
Rego reiterou que o BNG considera incompatíbel cun réxime realmente democrático unha xefatura do Estado que non é votada pola cidadanía senón vitalicia, hereditaria e que foi designada polo ditador Francisco Franco. Unha xefatura do Estado que, aliás é “inviolábel” e non está suxeita a “responsabilidade” mesmo que foren coñecidas actividades irregulares e corruptas -como aconteceu con Juan Carlos, mais tamén que salpican a Felipe de Borbón-, o que significa impunidade para delinquir.
“É unha burla ao conxunto da cidadanía que despois de se fugar para evitar a actuación da xustiza teñamos que pagar as vacacións ao Borbón corrupto” denuncia o deputado do BNG. Rego lembra que a xustiza española abriu unha causa contra Juan Carlos pola presión social e após o faceren outros países como a Suíza ou a Gran Bretaña. “O feito de que as fechasen por “falta de probas”, prescrición ou por corresponderen ao período en que por ser Xefe de Estado era “inviolábel”, vén a demostrar, máis unha vez, que é falso aquilo que tantas veces o Borbón repetiu sobre que ‘a xustiza é igual para todos’, mais hai que lembrar que aínda terá que responder diante da xustiza británica”, subliña Rego.