O BNG solicita a comparecencia de Gomendio polas afirmacións de substituir bolsas por préstamos

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou esta mañá a comparecencia da Secretaria de Estado de Educación, Montserrat Gomendio, para que aclare se o Ministerio de Educación está a estudar a posibilidade de implantar o modelo anglosaxón de substituir o sistema de bolsas universitarias por un sistema de préstamos a devolver cando se obteña un traballo.

Rosana Pérez tamén rexistrou unha iniciativa parlamentar na que recolle as afirmacións efectuadas pola Secretaria de Estado o pasado venres sobre esta cuestión. Critica á representante ministerial porque “todos os seus argumentos redundan en torno ao aforro nun piar básico do Estado de Benestar como é a educación pública”.

“Se non é así, o Ministerio debe aclaralo”

A deputada do BNG considera “fundamental que o Ministerio de Educación aclare este tema e tranquilice á comunidade educativa. Unha aclaración necesaria porque non é a primeira vez que se empeza con globos sonda que despois se fan realidade”.

A parlamentar nacionalista censura a teima deste Goberno “por copiar o modelo anglosaxón herdado da pior tradición Thatcheriana, un modelo de privatizacións masivas que se demostrou totalmente fracasado”. Critica que se “recorra ao pior exemplo da UE onde os estudantes teñen que pagar a totalidade das taxas universitarias e poden peder un préstamo a devolver cando teñan un traballo”. Para o BNG, recalca, “é o anti modelo e nos preguntamos por que non se mira cara outros países europeos onde non existen as taxas universitarias e incluso en Suecia se pagan bolsas para que a mocidade poida independizarse”.

Para Rosana Pérez a “verdadeira aposta que debe realizar o Goberno é a de promover a educación pública universal, en lugar de ir a unha educación clasista e para familias con recursos económicos”. A parlamentar nacionalista dirixe unha batería de preguntas ao Goberno: “Está o Ministerio de Educación estudando implantar un sistema de préstamos universitarios que substitúa o sistema de becas? De non ser así, Vaise desligar publicamente das afirmacións feitas pola Secretaria de Estado? É consciente de que tais afirmacións provocaron unha grande alarma social?”.

Ademáis, Rosana Pérez quer saber a que se debe a “admiración do Goberno polo modelo anglosaxón, consistente en privatizacións masivas en lugar de copiar modelos máis saudábeis baseados nun sistema público.