O BNG solicita a comparecencia de García Margallo para parar o masacre de Israel sobre Palestina

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada, Rosana Pérez, solicitaron hoxe a comparecencia urxente do Ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel García Margallo, para que acuda á sede parlamentar a explicar se o Goberno español está realizando xestións ante a UE e a Comunidade Internacional para parar xa os ataques de Israel sobre a poboación palestiniana.

En primeiro termo, as parlamentares do BNG amosan a solidariedade do BNG co pobo palestiniano que “está a sufrir unha auténtica tortura por parte de Israel que se adica a matar civís inocentes e a destruír as vivendas da poboación até deixalos sen nada”.

As deputadas nacionalistas consideran que “a Comunidade Internacional e a UE non poden seguir impasíbeis ante o que está perpetrando Israel que ten o perfil dun auténtico xenocidio. Desde logo, ten que parar as ansias de Netanyahu de proceder a unha invasión terrestre con tanques que provocaría moitas mortes”.

Davila quer que o Ministro de Exteriores acuda á Cámara canto antes a informar de cal é a posición do Goberno español, “se condena os ataques de Israel e se está decidido a desempeñar un papel activo para evitar máis mortes de inocentes na faixa de Gaza”.

Olaia Fernández Davila forma parte do Intergrupo parlamentar por Palestina no Congreso dos Deputados. Precisamente, o vindeiro mércores 28 de novembro vai participar nos actos do Día Internacional de Solidariedade co Pobo Palestino que se levarán a cabo en Madrid.