BNG solicita a comparecencia do Ministro de Agricultura ante a situación descontrolada nas granxas de visóns na Galiza
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, solicitou a comparecencia do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación para que informe sobre a prevención e detección da COVID-19 nas granxas de visóns ante os numerosos casos rexistrados de zoonose. Así mesmo, o BNG interesouse pola fuga de visóns americanos en granxas da Galiza e sinalou ao Goberno do Estado a necesidade de facer probas masivas nas granxas e na poboación.
A fronte nacionalista salienta que tras varios casos de zoonose transmitida polos visóns a persoal e veciñanza parece claro que a COVID-19 é un factor de risco que pode converter estas granxas nun foco de infección, polo que deberían cesar as súas actividades de inmediato.
“O impacto neste novo contexto transcende do ambiental e do maltrato animal, xa de por si importante. Estamos falando dun foco de transmisión do coronavirus e un risco engadido para as poboacións próximas” afirmou o deputado do BNG, Néstor Rego. Continuou explicando que na Galiza se asentan a “inmensa maioría” de granxas peleteiras de visóns.
Ante esta situación, Rego interesouse polas probas realizadas a animais e a persoal nestas explotacións. O motivo principal débese a que Ministerio e Xunta difiren sobre o número de probas de COVID-19 realizadas. “Isto é un claro exemplo da falta de interese por controlar posíbeis brotes en animais, traballadores e traballadoras e veciñanza próxima ás granxas” criticou Rego.
Neste sentido, o BNG exixiu a comparecencia do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para que informe sobre as xestións realizadas ou que mesmo porá en marcha o Goberno do Estado para a prevención e detección da COVID-19 nas granxas de visóns.
Para a formación nacionalista é necesario realizar probas nestas explotacións tal e como xa están facendo outros países europeos. Nestes territorios están realizando probas masivas nas granxas e nas poboacións próximas mentres que no Estado español o protocolo actual só determina a realización de test cando existen certos síntomas, algo que pode resultar fatal posto que especies como o visón poden non ter síntomas.
Ademais, o deputado nacionalista interesouse pola fuga de visóns durante o período 2009-2019 e os fondos públicos estatais e europeos que se destinaron a súa captura, posto que se trata dunha especie tremendamente agresiva e que supón un problema ambiental no medio natural.
O BNG partilla as criticas por parte de organizacións de protección animal que describen as granxas de visión como “centros de crueldade” pola baixa regulación e o escaso ou nulo control que teñen. Nese sentido, a formación nacionalista indicou que se debe “aproveitar esta oportunidade con intelixencia, visión de futuro e pensamento ecolóxico para fechar estas granxas e prever as axudas públicas necesarias para impulsar outros emprendementos que non se baseen na crueldade cos animais”.