congreso

BNG solicita a comparecencia da Ministra de Industria e da Presidenta da SEPI para abordar a intervención pública de Alcoa e das plantas de Alu Ibérica

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego considera inaceptábel que o Ministerio rexeite a compra por parte da SEPI como paso previo para garantir proxectos industriais de futuro e reclama ao Goberno que cumpra os acordos do Congreso.

 

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou hoxe a solicitude de comparecencia na Comisión de Industria da Ministra Reyes Maroto e da Presidenta da SEPI, Belén Gualda, para que expliquen a posición do Goberno sobre a situación de Alcoa San Cibrao e das plantas da Coruña e Avilés e, particularmente, sobre a negativa expresada nas últimas semanas a que a SEPI se faga cargo das plantas como paso imprescindíbel para garantir proxectos industriais estábeis que aseguren a continuidade da actividade e dos postos de traballo.

O BNG considera que a situación en que se encontran as plantas non permite esperar máis e exixe de solución decididas. No caso de San Cibrao, porque se aproxima a finalización do prazo de dous meses estabelecido para a negociación e persiste a reclamación de que calquera proceso de compra-venda pase pola SEPI. Xa no caso da Coruña porque a planta se acha baixo intervención xudicial e cunha recente sentenza de aplicación do ERE que fai perigar a continuidade da actividade da factoría.

Néstor Rego considera que, neste contexto, a resistencia do Ministerio á intervención pública “é inaceptábel e irresponsábel” e reclama dar cumprimento ás dúas resolución do Congreso -impulsadas polo BNG- que instaban o Goberno á intervención pública das plantas de aluminio.

“Vista a experiencia da Coruña e Avilés e a situación de San Cibrao, fica claro que a única garantía de que a operación de compra-venda sexa exitosa e posibilite unha saída industrial duradeira e de futuro é a compra previa por parte da SEPI como ponte. É o que están reclamando os traballadores e traballadoras. Por iso non entendemos a negativa do Goberno español expresada nas últimas semanas”, sinala Rego.

Para o deputado do BNG resulta máis rechamante esta negativa tendo en conta que hai 15 se facía pública a decisión do Ministerio de Industria de financiar con cargo a un fondo de 600 millóns de euros a construción dunha nova planta de aluminio primario en Zamora. “Non nos parece de recibo que en canto o Ministerio de Industria se resiste a cumprir os compromisos estabelecidos, incluídas as resolucións do Congreso, estea en disposición de financiar con recursos públicos unha nova planta de aluminio, promovida, por certo, por un coñecido empresario con boas relacións tanto co PSOE como co PP. Primeiro que cumpran coa Mariña e coa Galiza”, resalta Néstor Rego.

O BNG quere que tanto Reyes Maroto como Belén Gualda dean explicacións no Congreso sobre as xestións que están a realizar e a opción da intervención pública para garantir a continuidade da actividade e da totalidade dos postos de traballo nas plantas de aluminio.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG