O BNG solicita a comparecencia de Ana Pastor pola suba das peaxes

Os parlamentares do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila e Francisco Jorquera, solicitaron hoxe a comparecencia da Ministra de Fomento para que explique o aumento dos prezos das peaxes nun 7,5% que afectan a autoestradas como a AP-9.

O BNG recrimina a Ana Pastor ter aprobado unha orde que estabelece as novas peaxes autorizadas, ao tempo que suprime a compensación do 7% ás concesionarias, o que tivo como consecuencia práctica que as concesionarias repercutiran o custes nos prezos das peaxes desde onte domingo. “Unha decisión adoptada nun contexto de grave crise económica con importantes aumentos do IVE que tamén van repercutir nos custes das peaxes a partir do 1 de setembro”.

Grande malestar cidadán

Na pregunta por escrito, Davila e Jorquera poñen de manifesto o “grande malestar que esta decisión de aumentar nun 7,5% as peaxes provocou nos usuarios galegos onte domingo 29 de xullo”. Lembran os deputados do BNG que coa aplicación das novas tarifas, a viaxe entre A Coruña e Vigo pola AP-9 custa 14,35 euros para os vehículos de categoría I, e 24,40 euros para os camións e buses.

Os parlamentares do BNG salientan o feito de que a partir do 1 de setembro, cando entre en vigor o aumento de tres puntos do IVE, pasando do 18 ao 21%, o efecto “será un incremento totalmente abusivo, en torno ao 10%, nunha situación económica como a actual, coa maioría da sociedade asfixiada polos recortes do Goberno”.

O BNG menciona asemade o malestar das propias concesionarias de autoestradas que no proceso negociador co Goberno esperaban poder acadar algún tipo de acordo que non levase a incrementar as peaxes.

Recortes, suba de IVE e peaxes máis caros

“Dadas as protestas improvisadas que ao longo de onte se sucederon na Galiza e en autoestradas de Catalunya, o Goberno debe asumir que se trata dunha medida inexplicábel para a maioría dos usuarios, que son os mesmos que sofren os recortes e os incrementos do IVE. A consecuencia será unha espectacular caída do consumo”.

Estas son as razóns polas que o BNG dirixe a Fomento unha serie de preguntas: “Por qué aprobou o Ministerio a orde ministerial que provocou a suba do 7,5% das tarifas de peaxes como a da AP-9? Non se podía chegar a outra solución? Cal é o dispór do Goberno a anular este incremento das peaxes e negociar coas concesionarias outras solucións?”.

O BNG considera que o Goberno de Rajoy está a levar á cidadanía a situacións límite como pón de relieve o informe da ONU que conclue que os recortes do Executivo están a provocar queo 21,8% da poboación viva por debaixo do umbral da probeza.