Parlamento Galego

O BNG solicita que a aplicación RadarCovid do Ministerio de Sanidade non exclúa o galego

RadarCovid
Actualmente esta ferramenta para o rastrexo da COVID19 pódese usar en castelán e catalán

O Ministerio de Sanidade do goberno de España activou recentemente a App “Radar Covid” para facer seguimento persoal da situación da pandemia derivada da COVID-19, co obxectivo de contribuír á detección precoz de novos casos e a unha máis rápida e precisa actuación a respecto da situación epidemiolóxica.

A Consellería de Sanidade, a través do conselleiro en funcións, fixo pública recentemente a vontade de a Xunta de Galiza se adherir a esta aplicación de rastrexo que desenvolve o goberno de España.

Esta App é unha ferramenta de comunicación entre as autoridades sanitarias e a cidadanía e como tal debe respectar o plurilingüismo que caracteriza o estado español.

Actualmente, as usuarias poden acceder a este intercambio comunicativo en castelán, inglés e, máis recentemente, catalán, mais non en galego, lingua propia e oficial en Galiza, como acaba de reclamar a Mesa pola Normalización Lingüística a través da Liña do Galego.

Correspóndelle á Xunta de Galiza velar polo dereito fundamental das e dos galegofalantes a expresármonos na nosa lingua en calquera ámbito e facer cumprir toda aquela lexislación e regulamentos que ordenan a política lingüística da nosa lingua, como a Lei de normalización lingüística ou o Plan xeral de normalización lingüística, así como aquelas de ámbito superior como a Declaración Universal de Dereitos Humanos, a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e a Carta Europea das Linguas Minoritarias.

A presenza do noso idioma nos novos espazos de interacción social vinculados coas tecnoloxías da información e do coñecemento é de vital importancia para o avance do proceso normalizador da lingua galega.

A deputada Mercedes Queixas Zas rexistrou no Parlamento galego unha iniciativa en forma de Proposición non de lei, dirixida ao Pleno e mais á Comisión 4ª, logo de coñecer a reclamación interposta pola MNL, para instar o goberno galego a esixir ao goberno de España que, para dar un mellor servizo de atención sanitaria ás usuarias galegas da App Radar Covid, cese no seu desprezo polo idioma galego colocándoo visíbel como unha opción de intercomunicación á par das outras linguas que actualmente se ofertan nesta App (castelán, inglés e máis recentemente catalán).

Asemade, a deputada encamiñou tamén para a súa resposta oral e escrita varias preguntas dirixidas ao goberno galego que demandan coñecer que medidas pensa adoptar este para requirir do estado español o cumprimento da lexislación lingüística e a equidade na oferta desta App, esixindo a posibilidade de as galegas e os galegos seleccionarmos a nosa lingua para esta ferramenta de comunicación.