BNG sinala a necesidade de adaptar o Real Decreto de nutrición sustentábel á realidade do agro galego
Néstor Rego exixe ao MAPA atender as características propias dos terreos agrarios da Galiza e modificar o Real Decreto sobre a nutrición sustentábel nos solos agrarios
A prohibición do uso do prato invertido para a aplicación de xurros para o sector agro gandeiro galego supón un problema e maiores custos para o sector agrario galego
De non modificar o texto lexislativo, o MAPA estará ignorando o sector agro-gandeiro galego no canto de apoialo, alega a organización nacionalista
O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado no Congreso, demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación modificar o Real Decreto sobre as normas para a nutrición sustentábel nos solos agrarios para que se adapta a realidade galega. A organización nacionalista demanda atender as características propias dos terreos agrarios na Galiza, así como aos problemas de utilización e maiores custos que supón a prohibición do uso do prato invertido para a aplicación de xurros.
O BNG, ao igual que o conxunto do sector agrario, considera que o Real Decreto 1051/2022, que prohibe o uso do prato invertido para a aplicación de xurros, representa un novo golpe á xa de por si delicada situación que enfronta o sector agrario galego. Tal e como foi promulgado, explica o deputado nacionalista, a Administración Estatal ignora a realidade do sector agrogandeiro galego que, no canto de recibir o apoio necesaria, padece continuos atrancos.
Ante esta situación, o deputado do BNG demandará ao Goberno, a través do MAPA, atender “ás características propias dos terreos agrarios da Galiza, así como aos problemas de utilización e maiores custos que supón a prohibición do uso do prato invertido para a aplicación de xurros para o sector agro gandeiro galego, e modificar e adaptar o Real Decreto 1051/2022, de 27 de decembro, polo que se estabelecen normas para a nutrición sustentábel nos solos agrarios ás necesidades galegas”.
A prohibición do prato invertido sen unha alternativa viábel, sinala Néstor Rego, podería facer que as explotacións galegas perdan competitividade en comparación con outras rexións que teñan máis flexibilidade ou apoio institucional. “Sen o uso do prato invertido, os gandeiros veranse obrigados a adquirir novos equipos máis custosos, como inxectores ou aplicadores de banda, que implican un elevado investimento o que provocará que moitas explotacións galegas non poderán asumir estes gastos adicionais sen apoio financeiro” asevera. Ademais a nova maquinaria de aplicación é de grande volume e peso, polo que sería imposíbel que poida ser usada na maior parte dos terreos agrícolas galegos, principalmente caracterizados pola súa pequena extensión e difícil orografía.
“Moitas explotacións familiares galegas poderían verse obrigadas a pechar, xa que non terán os recursos necesarios para cumprir coas novas normativas” alerta o deputado do BNG. Isto contribuiría ao despoboamento do rural e á perda de actividade económica no rural galego. “É necesario que se flexibilice ou se adapte a normativa á realidade do agro galego” sentenza Rego.