O BNG seguirá dando a batalla “política, cívica e legal” para sacar a ENCE da Ría
- Tilda de “cacicada do século” de Rajoy e Feijóo o cambio da lei para perpetuar a continuidade da pasteira en Pontevedra
A portavoz nacional, Ana Pontón, encabezou xunto co alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, a representación do BNG no que denominou como “marcha da dignidade” contra a “cacicada do século” do Goberno de Rajoy “coa complicidade de Feijóo”, que modificaron a lei para perpetuar a continuidade de ENCE na Ría de Pontevedra.
Esa decisión, dixo, só pode ser cualificada de “cacicada e traizón” á cidade de Pontevedra e a Galiza, “é demostra que o PP non só ten corrupción en B senón tamén en A, como neste caso no que se cambian as leis á medida dos intereses de empresas claramente vinculada con ex altos cargos do PP como este caso”.
Pontón destacou que a contaminación de ENCE vai máis aló da Ría e ten unha afectación no conxunto do país por ser esta empresa impulsora da eucaliptización do territorio. “Condiciona a política forestal galega promovendo o eucalipto dun xeito descontrolado, o que pon en risco o equilibrio ambiental e impide que se poda facer un aproveitamento multifuncional do monte, que crearía máis riqueza e que ten máis futuro.
Por outro lado, o BNG tamén denuncia que ELNOSA incumpre a normativa da UE para o uso de mercurio ante a inacción política do Goberno central e da Xunta, é máis, a formación nacionalista xa advertiu que se pode estar preparando unha modificación legal para permanencia de esta factoría en Lourizán como xa pasou coa pasteira.