O BNG seguirá belixerante contra o empeño de Feijóo en aplicar o copagamento de medicamentos

Apoio a todas as iniciativas promovidas pola Plataforma Iniciativa pola gratuidade da sanidade e pola Plataforma SOS sanidade pública, ante as que o BNG confirmo o seu compromiso de belixerancia contra o copagamento dos fármacos hospitalarios que a Xunta segue empeñada en aplicar aos doentes crónicos de Galiza.

“Seguiremos batallando para que non se aplique o copagamento e esiximos a Feijóo que anuncie dunha vez por todas que non se vai aplicar en Galiza que é unha decisión cruel que penaliza aos enfermos graves”, explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen anunciou que o BNG quere un debate no Parlamento sobre esta cuestión.

Tras o encontro cos portavoces de ambas plataformas, o alcalde de Riotorto, Federico Estúa, e María Xosé Abuín, respectivamente, Vence quixo deixar claro que o copagamento “se explica dentro da estratexia do PP para reducir o estado de benestar e a calidade dos servizos sanitarios e, ao mesmo tempo, crear as condicións para facer negocio coa saúde”.

O dirixente nacionalista salienta que esas son “as verdadeiras razóns de Feijóo” para insistir nunha medida que xa rexeitan incluso a secretaria xeral do PP.

Vence valorou o papel do alcalde de Riotorto, “quen despertou as conciencias do que significaba esta medida no que xa temos bautizado como espírito de Riotorto, exemplo desa vontade de ser insubmiso contra a intención do PP de desmantelar a conquista social da sanidade pública”.

Pola súa parte, Estúa explicou que está a ter unha nova ronda con todos os partidos políticos con presenza no Parlamento para que sigan presentando iniciativas que freen o copagamento. “Apelamos á humanidade do señor Feijóo, se é que aínda lle queda, para que poña fin a esta medida que afecta á saúde dos doentes crónicos”, insistiu, tras a reunión co BNG, na que tamén participou a portavoz parlamentar en Sanidade, Motse Prado, e a secretaria de Política Municipal, Goretti Sanmartín.