O BNG e o sector pesqueiro galego defenden os intereses de Galiza ante a Comisaria Europea de Pesca

Bieito Lobeira e Ana Miranda en Bruxelas cos representantes do sector pesqueiro e marisqueiro

O BNG valora positivamente a reunión celebrada esta tarde entre o sector da pesca galego e a Comisaria de Pesca da UE María Damanaki, nunha interlocución directa propiciada polo BNG ante o Executivo da Unión Europea. Neste sentido, tanto a formación nacionalista como o conxunto do sector, trasladaron á Comisaria unha mensaxe de unidade en defensa da pesca artesanal e do marisqueo de Galiza. "Somos un país pesqueiro e debemos recibir o trato que como tal nos corresponde", segundo indicou a eurodeputada Ana Miranda resumindo o sentir de tódolos participantes.

Nos aspectos concretos abordados na reunión, Damanaki concordou tanto co BNG como co sector en que a pesca artesanal e o marisqueo deben quedar excluídos das cuotas de pesca transferibles (CPT), igualmente amosouse totalmente aberta a reformular a actual definición de pesca artesanal incluíndo novos parámetros como os que os que propón o BNG de ampliar a 15 metros de eslora a lonxitude dos barcos que poderían entrar nesta categoría e outros como a realización de mareas de ata 36 horas e o uso de artes selectivas.

Igualmente, a Comisaria Europea apoia totalmente a proposta de comercializar os produtos do mar baixo un "etiquetado con trazabilidade". "En palabras da propia Damanaki, os consumidores teñen dereito a saber se o peixe e o marisco veñen de Galicia ou de Perú, se son conxelados ou frescos e a data de captura", explicou Miranda á saída da reunión.

A Comisaria confirma ao BNG e ao sector o seu apoio para que a pesca artesanal quede excluída das transferencias de cuota

Mauritania

Tanto o BNG como o sector transmitiron o seu total rexeitamento do protocolo asinado con Mauritania que deixa fóra á frota cefalopodeira galega solicitando o inicio de novas negociacións que conclúan cun acordo "xusto para a frota galega" e que mentres tanto se faciliten axudas a este sector da frota. A Comisaria non fixo ningún comentario máis alá de comentar que estudaría a situación.

Envío de proposta

A Comisaria valorou moi positivamente a oportunidade de escoitar directamente as propostas e as demandas dos distintos representantes do sector pesqueiro artesanal e do marisqueo de Galiza solicitándolle, incluso, que lles fixeran chegar por escrito as demandas expresadas durante a reunión.

A Comisión Europea estudará unha nova definición de pesca artesanal e concorda co BNG e co sector nun etiquetado con trazabilidade

No encontro estiveron presentes, ademais da eurodeputada Ana Miranda e o parlamentario Bieito Lobeira, o presidente da Federación Galega deConfrarías, Benito González Sineiro, o presidente do Consello Regulador do Mexillón de Galiza, Francisco Alcalde, o presidente de ASOAR - ARMEGA, Xosé Lois Rodríguez, a presidenta da Federación Galega de Redeiras, Rosa Rodríguez, o representante da federación de Mar da Confederación Intersindical Galega, Xavier Aboi e diferentes colectivos e confrarías de Galicia.