BNG salienta que a Lei do Audiovisual non garante a presenza do galego e prexudica as produtoras independentes
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, fixo unha valoración negativa da nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual aprobada no Congreso por non garantir o acceso dos galegos e galegas a contidos audiovisuais na súa lingua, por prexudicar as produtoras independentes, por non avanzar na eliminación da fenda de xénero e por abrir a porta á posibilidade de privatizar os medios públicos de comunicación.
Néstor Rego lembra que aínda non finalizou a tramitación da Lei do audiovisual, porque pasará polo Senado, e a organización nacionalista espera que aínda poida sufrir mudanzas na cámara alta que corrixan algún dos elementos máis negativos que fixeron “que o BNG e a práctica totalidade das forzas soberanistas e de esquerdas votásemos en contra desa Lei por considerar que era unha oportunidade perdida para avanzar en aspectos cruciais”. A destacar, a incorporación de todas as linguas oficiais nas plataformas audiovisuais e medios de comunicación públicos, o apoio á produción independente ou diminuír a fenda de xénero no sector do audiovisual.
“O BNG tivo que votar en contra desta Lei que, na súa redacción final, é o resultado da submisión de PSOE e PP ao duopolio televisivo” destaca o deputado nacionalista. Para a organización nacionalista existen catro elementos que resultan prexudiciais, a comezar por que non garante a incorporación das linguas oficiais -por tanto, do galego- para que todas as persoas na Galiza poidan acceder a contidos na súa propia lingua. “Isto non se garante por unha dupla vía, posto que ficaron excluídas aquelas plataformas que teñen a súa sede fóra do Estado español e porque apostaron por unha formula que fala de 'castelán e algunha das linguas oficiais', non de todas” enfatiza o deputado nacionalista.
Isto é evidente que prexudicará a presenza do galego. “Por unha parte, porque do punto de vista demográfico ten máis peso o catalán -pensemos que o conxunto dos Països Cataláns conta cuns 12 millóns de persoas- e, por outra parte, porque tanto catalán como eusquera contarán con máis peso político ao teren gobernos que os apoian e se preocupan denegociar coas plataformas. Infelizmente, no caso da Galiza -por agora- temos un goberno que traballa contra o galego” asevera.
A cuestión dos produtores independentes- cuestión das máis polémicas no debate do texto lexislativo- tamén preocupa á organización nacionalista porque a definición que recolle a Lei “pon as produtoras independentes aos pés dos cabalos das dúas grandes plataformas televisivas”. A pesar da presión exercida polas forzas que apoian o Goberno, o PSOE “non estivo disposto a modificar unha palabra que introduciu no proceso de tramitación da Lei pola presión do duopolio televisivo”. Con certeza, a mesma presión que levou o Partido Popular a facilitar a aprobación desta Lei coa súa abstención.
O BNG considera que tamén do punto de vista da redución da fenda de xénero a Lei é decepcionante. “Presentamos emendas para que 40% das producións fosen reservadas para aqueles produtos audiovisuais que tivesen á frente unha directora ou unha produtora. Isto tampouco foi respectado polo PSOE que baixou esa cota a 30% mais aplicándoa á subcota de 70% dos produtores independentes, o que a reduce até 20%, que, segundo os colectivos de mulleres do audiovisual non mellora o que xa existe a día de hoxe.
En último lugar, Rego alerta da existencia no texto lexislativo dun artigo que “abre a porta á privatización dos medios de comunicación públicos autonómicos”. Para a organización nacionalista esta é unha cuestión “gravísima” e destaca que resulta da iniciativa do Partido Socialista. “Faltaralle tempo ao sucesor de Feixoo no Goberno galego para tentar privatizar a CRTVG, que xa levan precarizando ao longo dos últimos tempos e privatizado a cachos, non sen unha resposta social e, particularmente, dos traballadores e traballadoras da Televisión e da Radio Galega que levan máis de 200 venres negros defendendo uns medios de comunicación públicos independentes e de calidade” recrimina.