O BNG saíu á rúa na defensa do aborto libre e gratuíto
O BNG xa puxo en marcha con anterioridade a esta manifestación unha campaña nacional en defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres acadados historicamente que garantan a capacidade das mulleres de decidir sobre os seus corpos. Para o BNG é fundamental que se garantan estes dereitos e esixir que as mulleres que libremente decidan abortar poidan realizalos en condicións dignas e cunhas garantías sanitarias óptimas.
O Bloque considera que a proposta de reforma do PP, avalada e impulsada de xeito entusiasta pola Conferencia Episcopal, responde a posicións ideolóxicas da dereita máis reaccionaria que ataca os dereitos das mulleres e nega o control das súas vidas e dos seus corpos.
Porén, o BNG tamén quere poñer enriba da mesa o forte compoñente económico que acompaña á idea de que as mulleres deben regresar aos papeis tradicionais de nais e coidadoras, de tal maneira que se faga recaer nelas todos os servizos que o Estado deixa de prestar co desmantelamento dos servizos públicos.
Propostas do Bloque
Ademais de presentar unha proposición no Parlamento galego contraria á modificación da actual Lei 2/2003 de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo, que foi debatida o pasado 15 de maio, o BNG levará a cabo iniciativas tamén nos concellos co obxectivo de que non se dea nin un paso atrás a respecto desta norma.
Así, o Bloque presentará mocións nas entidades locais para instar á Xunta de Galiza a solicitar que non se modifique de xeito involutivo a lexislación actual e que garanta que en todas as áreas sanitarias, os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios. O BNG pretende deste xeito garantir a igualdade no acceso a esta prestación.