BNG saca adiante unha iniciativa para pedir que o catálogo de enfermidades profesionais que afectan a mariscadoras e redeiras “non quede durmindo nun caixón”
A deputada do BNG Rosana Pérez logrou hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento o apoio unánime dos grupos a unha proposición non de lei para reclamar ao Goberno do Estado que “na maior brevidade posíbel” saque adiante o Catálogo de Enfermidades Profesionais das e dos traballadores do mar, tal e como se contempla na Lei de Pesca Sostible. “Despois deste impasse lexislativo no que estamos, é importante que o catálogo non quede durmindo nun caixón”, asegurou.
Un catálogo que, segundo explicou, é fundamental para a identificación e o correcto tratamento médico destas doenzas, que afectan especialmente ás mariscadoras e redeiras. Neste sentido, a iniciativa aprobada reclama tamén a colaboración e coordinación das consellería do Mar, Sanidade e de Promoción do Emprego e Igualdade para trasladar ao persoal facultativo do Sergas e das mutuas de traballo a relación das enfermidades que están recoñecidas como profesionais no sector do mar e a “máxima importancia” de tratalas como tales.
O terceiro punto da proposición aprobada demanda á Xunta a posta en marcha dunha campaña de información entre as traballadoras e os traballadores do mar respecto ás enfermidades recoñecidas no sector e os beneficios que supón a súa identificación.
Na defensa da iniciativa, Rosana Pérez subliñou que existen enfermidades moi recorrentes no sector que aínda continúan sen serlle recoñecidas como propias do seu traballo e das condicións deste, como a artrose, a artrite, dores de costas, trastornos músculo-esqueléticos na columna ou infeccións de urina, entre outros. “As asociacións de mulleres do mar calculan que o 90 % das enfermidades profesionais deste colectivo son catalogadas como comúns, cando o 80 % son derivadas do seu traballo”, apuntou.
Salientou, ademais, que o catálogo traerá aspectos “moi positivos” para avanzar na profesionalización e na dignificación das condicións sociolaborais do sector do mar, especialmente no marisqueiro, ao que se dedican en Galiza preto de 4.000 persoas, a gran maioría mulleres.
De aí a importancia de ter dado no Parlamento galego “un pasiño máis” para mellorar as condicións nun sector especialmente avellentado -o 65 % teñen máis de 40 aos e o 32 % entre 50 e 60- e no que a “discriminación da muller é clara e manifesta”, dixo Rosana Pérez.