O BNG rexistra unha pregunta “urxente” sobre a situación dos pensionistas retornados

Tereixa Paz quer saber que ten pensado facer o Goberno de Feijóo para resolver a “inxusta situación” á que están sometidos miles de pensionistas emigrantes retornados requiridos pola Axencia Tributaria

A deputada do BNG, Tereixa Paz rexistra unha pregunta con “carácter de urxencia” sobre as previsións do Goberno galego a respecto da xestión da Axencia Tributaria e durante a campaña do IRPF con reclamacións aos pensionistas emigrados retornados que perciben pensións do estranxeiro, sen ter antes aclarado e resolto a situación sobre as cantidades requiridas no exercicio anterior.

A parlamentaria do BNG lembra que a pesar das declaración públicas do Goberno galego para compracer a este colectivo, na actualidade estase a constatar que “lonxe de rectificar” ou intentar resolver o problema, a institución gobernativa segue “agrandando o problema”.

Tereixa Paz salienta que a maneira de proceder da Axencia Tributaria e do Goberno galego está a provocar dramáticas situacións entre os miles de afectados e afectadas por este “espolio”.

A nacionalista tamén resalta a resposta da conselleira de Facenda, Elena Muñoz, en sede parlamentar, cando confirmou a preguntas do BNG, que os emigrantes retornados nunca serían tratados “como defraudadores” xa que descoñecían a obriga e non contaban coa información precisa para a devandita tributación.

Tereixa Paz agarda, que dunha vez por todas, e despois de que o BNG levara en varias ocasións ao Parlamento galego esta problemática, o Goberno sexa quen de ofrecer unha solución sen “escusas” e o máis rapidamente posíbel.