parlamento galego

BNG rexistra a petición da comisión de investigación sobre as irregularidades na privatización e prórroga da concesión da AP-9

Rexistro comisión

Pontón espera que Rueda non vete a comisión para protexer ao PP nuns feitos que permiten ás súas empresas amigas facer caixa a conta de Galiza  

Recorda que as comisións de investigación no Parlamento tamén abranguen asuntos de interese xeral e que afecten ao País, como é o caso

O BNG rexistrou formalmente no Parlamento a súa solicitude para crear unha comisión de investigación sobre a privatización e a ampliación da concesión da AP9 que o Goberno do PP realizou entre os anos 2000 e 2003 porque os datos e informacións que se están coñecendo nas últimas datas apuntan a “graves irregularidades” no proceso.

Así o afirmou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen recordou que a propia Comisión Europea é a que sinala estas irregularidades para considerar, xa en dúas ocasións, que a ampliación da concesión é ilegal porque se incumpriu a lexislación europea en materia de contratos, vulnerando dous principios fundamentais: o de igualdade de trato entre operadores xurídicos e o de transparencia.    

A este feito “xa moi grave” en si mesmo, Pontón sumou outro revelado agora polo propio Comisario de Interior: que o Executivo presidido por José María Aznar xa planeaba en 1999 a privatización e que a prórroga da concesión era un mecanismo para aumentar o seu valor de mercado.

“O Partido Popular fixo que os galegos e as galegas paguemos as peaxes máis caras do Estado, única e exclusivamente para incrementar os beneficios das empresas concesionarias”, recriminou, para subliñar a continuación que o PP “traizoou os intereses de Galiza” para que “as súas empresas amigas fixeran un negocio redondo”. “É un escándalo que hai que investigar, caia quen caia”, recalcou na comparecencia posterior á reunión de traballo do goberno alternativo do BNG.

A líder nacionalista dixo agardar que Alfonso Rueda “non vete esta comisión de investigación”, botando por terra as funcións do Parlamento, “e que non pretenda tapar as responsabilidades do seu partido e do señor Aznar” ante feitos tan graves como “ampliar ilegalmente as peaxes” que pagan os galegos e as galegas “única e exclusivamente para que “as empresas amigas do PP fagan caixa a conta de Galiza”.

Neste sentido, recordou que as comisións de investigación na Cámara galega, tal e como están reguladas, non están circunscritas a aqueles asuntos nos que ten competencias directas a Xunta, senón que tamén abranguen explicitamente calquera asunto de interese xeral como este que afecta ao País.

“É evidente que a ampliación da concesión e a privatización da AP9 supuxo un golpe moi duro para Galiza porque nos fai pagar peaxes durante máis tempo, porque fai que a nosa economía se resinta precisamente por esas peaxes e por que incidiu e incide tamén na mobilidade do noso País”, argumentou.

Por iso, reclamou ao PP que “non poña escusas de mal pagador” e apoie unha comisión que permitiría ao Parlamento cumprir a súa función de investigar unhas decisións que van en contra dos intereses de Galiza e aos galegos e as galegas “coñecer a verdade” sobre “como e por que” se ampliou a concesión e se privatizou a autoestrada galega. “Só quen ten algo que ocultar teme unha comisión de investigación”, afirmou.

Comparecentes

Con este obxectivo, defendeu a necesidade de que, no seo desta comisión “de máxima urxencia democrática”, comparezan na Cámara galega os máximos responsables da operación, “desde o señor Aznar ao exministro de Fomento e as persoas que participaban da xestión e logo cruzaron portas xiratorias, ou tamén o propio señor Feijóo que na altura da privatización era conselleiro de Infraestruturas no Goberno de Fraga e avalou o proceso”, exemplificou.   

Neste sentido, recordou que esas portas xiratorias foron aproveitadas por persoas como Luís Bárcenas -“o que repartía sobres en B no Partido Popular”, lembrou-, que traballou para Audasa na época da privatización; o exministro Arias Salgado, que xestionou a ampliación e privatización da AP9 e que en 2005 foi fichado por Sacyr -principal accionista da concesionaria-, ao igual que Francisco Moure e José Ramón Calderón, que eran conselleiros de ENA Infraestruturas no momento da privatización.   

“Non podemos ver como se xoga e se especula coas nosas infraestruturas, sen que aquí nunca ninguén asuma ningunha responsabilidade”, incidiu para defender a necesidade dunha comisión de investigación parlamentaria que permita arroxar “luz e taquígrafos” sobre o acontecido e depurar “responsabilidades políticas”, algo isto último no que non entra a Comisión Europea co expediente de infracción aberto ao Estado.

Nesta liña, tamén advertiu que “os tratos de favor” á concesionaria en forma de beneficios fiscais, que no seu momento xa denunciara o Tribunal de Contas, e coa privatización foron “un auténtico pelotazo” a conta de Galiza, dado que a venda da autoestrada galega supuxo un “chollo” para Sacyr, pero un desfalco para o erario público, tal e como demostra o feito de que o Executivo de Aznar vendera no mesmo paquete da AP9 tres autopistas e participación noutras concesións por un prezo de 1.600 millóns de euros e agora, só o rescate da AP9, se cifra en 4.000 millóns de euros.

Altri e mina de Touro

Por outra parte, e a preguntas dos medios, Pontón criticou a posición do Executivo de Rueda sobre Altri, cuxo informe de impacto ambiental adía ata 2025, e a mina de Touro, á que dá luz verde no Consello, posición que evidencia “como o Partido Popular está traballando para grandes empresas multinacionais que queren depredar” o territorio.

“A Xunta, en vez de estar defendendo o interese xeral, está defendendo o interese das súas empresas amigas, cun modelo do século XIX que pon en marcha as contaminacións e agresións ao noso territorio”, advertiu, para mostrar a súa preocupación pola utilización da figura dos plans estratéxicos para “colar pola porta de atrás” proxectos que teñen un impacto moi grave no medio. “Se non nos chegaba con Altri e a agresión que supón ao río Ulla, agora vemos como a Xunta quere retomar ese proxecto da mina de Touro que significa máis agresións ao río Ulla e poñer en risco toda a produción marisqueira da ría de Arousa”, alertou. “Se a Xunta non frea, vaina frear a cidadanía”, concluíu.