O BNG rexistra a Lei para transferir a AP-9 a Galiza

O texto lexislativo, amparado polo artigo 23 do Estatuto de Galiza e 147 da Constitución será debatido no Parlamento galego e  Congreso dos deputados, á iniciativa do BNG

As deputadas do BNG, Rosana Pérez e Ana Pontón presentaron hoxe, en sede parlamentar, a Proposición de Lei para transferir a Galiza a autoestrada AP-9 que será debatida proximamente no Parlamento galego e de ser aprobada, continuará o seu tramite no Congreso dos deputados.

AUDASA recada ao día 320.000 euros

Para a deputada Ana Pontón urxe transferir a titularidade da AP-9 a Galiza. A historia desta vía, afirmou, é a historia “dunha discriminación e abuso” continuado a todos os galegos e galegas dunha autoestrada das máis caras e cos salarios máis baixos.

A AP-9, abondou é un medio máis do Goberno do Estado para que unha empresa privada faga negocio e presentando cada vez un peor servizo, resulta “ unha mentira” que coa centralización Galiza saia gañando, sentenciou.

Dende 1979, AUDASA leva recado en Galiza, 2.257 millóns de euros, desta cifra, 1.700 millóns de euros foron recadados dende o ano 2000, e a maiores dende a súa privatización produciuse un incremento das peaxes e un maior beneficio para unha empresa privada”.

No ano 2014, a AP-9 recadou “320.000 euros ao día” que saen do peto dos galegos e galegas e se calculamos o que vai recadar ao remate da concesión no 2015, chegará aos 4.000 millóns de euros.

Un auténtico “abuso”, afirmou, se ademais temos en conta que a construción, conservación e explotación da vía supuxo 1.428 millóns de euros. No 2015, sobrepasaremos en 829 millóns de euros o mantemento da vía o que ven a supoñer, “5 veces máis que o destinado a promoción de emprego ou 17 veces máis que o destinado a investigación universitaria”.

É factíbel a transferencia como o foi a A-8 a Euskadi, unha vía moi similar a AP-9, “non é un problema legal, é un problema de vontade política”, concluíu

Peaxes imposíbeis para usuarias e usuarios

Pola súa parte,a parlamentaria na Cámara baixa, Rosana Pérez lembrou as diversas iniciativas e queixas presentadas polo BNG ante os colapsos de tráfico e o incremento das peaxes da infraestrutura que vertebra o Sur e Norte de Galiza.

Rosana Pérez cualificou de “nefasta” a xestión do Ministerio de Fomento. As protestas polos continuos colapsos producidos durante o verán obrigaron a titular do Ministerio e os responsábeis do Goberno galego a anunciar naquel momento “sancións á concesionaria da AP-9” e mesmo declararon que “era hora para a transferencia” sen embargo na práctica, denunciou a nacionalista, iso non se traduciu en nada. No Congreso dos deputados o BNG preguntou a Ana Pastor cando se resolvería o expediente de AUDASA e seguimos agardando pola súa resposta.

 Suba de peaxes

A AP-9 é a terceira vía máis cara do Estado español, por detrás de dúas vías catalás, e despois de continuadas subidas de peaxe, o Ministerio de Fomento non actuou porque a perda de usuarios e usuarias foi compensada con estas subas.

Rosana Pérez, tras denunciar o deterioro da vía ao longo de Tui a Ferrol e o despido do persoal de cabinas afirmou que a xestión da AP-9 dende Madrid, “non ofrece un servizo axeitado” ao que sumou o anunciou da obrigatoriedade do transporte pesado a circular polas autoestradas. Neste sentido, dixo, temos “serías dúbidas” de que a medida sexa “legal” e sospeitamos que responda á intención do Ministerio de ofrecer unha “vía de escape á concesionaria contra a perda de ingresos da AP-9”.