BNG rexeita recortes nas pensións públicas
Rego lamenta que a Lei proposta polo Goberno de PSOE-UP consolide os aspectos máis lesivos da Reforma aprobada en 2011, e que avance novos recortes
A formación nacionalista posta pola suba das pensións mínimas até 60% do Salario Medio para superar a fenda de xénero e a territorial
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, interveu no pleno da cámara baixa para rexeitar novamente os recortes do executivo estatal ás pensións. Defendeu a necesidade de subir as pensións mínimas para reducir as fendas de xénero e territorial até equiparalas co Salario Mínimo Interprofesional. Alerta de que o texto da lei é negativo porque implica consolidar os recortes anteriores como xubilación aos 67 anos, e avanza outros novos como o aumento do período de cálculo até os 35 anos, a penalización das xubilacións anticipadas ou atrasar a idade real de xubilación.
Rego sinalou que aínda que o Goberno pretende facer pasar esta reforma por progresista, na realidade estamos diante da plasmación de políticas de recortes nas pensións, na medida en que “consolida os aspectos máis lesivos da reforma do 2011: mantén a idade de xubilación aos 67 anos e o aumento do período de cálculo de 15 a 25, aínda que xa nos anuncian que o subirán a 35 anos, o que implica un novo recorte na contía cunha caída de entre o 6% e o 10% das pensións”.
O deputado nacionalista lembra que a proposta do BNG é recuperar a xubilación ordinaria aos 65 anos e reducir o período de cálculo a 10 anos, escollidos polo traballador ou traballadora. Aliás, aposta por facilitar a xubilación antecipada con 35 anos cotizados e recuperar a xubilación parcial entre os 60 e 65.
Pola contra, sinalou na súa intervención, a proposta do Goberno penaliza a xubilación anticipada -mesmo con 40 anos cotiazdos-, incentiva a xubilación demorada -o que significa permanecer no posto de traballo máis alá da idade legal- e non recupera a xubilación parcial a partir dos 60, o que sería fundamental para favorecer o emprego xuvenil”.
“Cando temos 40% de desemprego xuvenil e a nosa mocidade ten de emigrar masivamente por non encontrar aquí oportunidades laborais, pretender -destinando para iso diñeiro público- que os traballadores e traballadoras demoren a xubilación máis alá dos 67 e mesmo dos 70 anos é máis que unha liña errada, é simplemente un despropósito”, subliña Rego, que defende que ese diñeiro debería ser destinado a pensións dignas e a facilitar a entrada de mozas e mozos no mundo laboral.
Rego salienta ademais que o Goberno incumpre o compromiso electoral de subir as pensións mínimas, o que considera unha cuestión de xustiza social e esencial para superar as fendas de xénero e a territorial. “Hai que lembrar que as mulleres teñen pensións medias máis baixas que as dos homes e que a Galiza ten as segundas pensións máis baixas do Estado”. Rego considera lóxico garantir o poder adquisitivo conforme ao IPC mais advirte que, simultaneamente, é “imprescindíbel aumentar as pensións mínimas para situalas á par do SMI e progresivamente ir aumentando ambos até 60% do Salario Medio, como recolle a Carta Social Europea”.
O deputado do BNG advirte que frente a unha dereita e ultradereita “á que calquera avance de dereitos para os traballadores e trablladoras lles parece moito, por pequeno que sexa, mais tamén frente a un Goberno que se di progresista e que, con todo, insiste e persiste nos recortes, o BNG mantén unha posición de firmeza desde a esquerda, en defensa de pensións dignas e da recuperación de dereitos sociais” e enfatiza que desde posicións coherentemente de esquerda non se poden defender nin novos recortes nin pretender xustificalos con que “cos criterios da dereita aínda sería peor”. Por iso, anuncia que o BNG non pode apoiar a proposta do Goberno.
“O BNG está cos colectivos de xubilados e xubiladas que rexeitan na rúa esta reforma, cos colectivos de pensionistas e traballadores e traballadoras que hoxe mesmo saíron ás rúas de Galiza en defensa de pensións dignas. Non, señoras e señores do Goberno, os recortes non son inevitábeis. Sabemos -e vostedes tamén- que, se se quere, pódese”, conclúe Rego.