O BNG rexeita o plan de saúde mental que a Xunta di dotar con 83M en catro anos cando só orzamenta 1M en 2021
O BNG recrimina ao Goberno de Feixóo o plan de saúde mental que vén de presentar no Parlamento galego porque non facilita a resposta urxente que precisa a grave situación da atención sanitaria á saúde mental e por non dotar ao sistema público dos recursos e profesionais que necesita neste ámbito de actuación.
“O plan que anuncian por enésima vez recolle un investimento de 83 millóns en catro anos, pero no orzamento da Xunta para 2021 a contía para saúde mental apenas supera o millón de euros, en pleno impacto da pandemia sobre a saúde mental da poboación”, afeou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, ao director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas durante a súa comparecencia na comisión 5ª da Cámara.
“A este ritmo o plan non será a catro anos, senón a 80, cando o que se precisa é unha intervención rápida e urxente para garantir este tipo de atención sanitaria”, reprochou, logo de recalcar que “no mellor dos casos, cos recursos que din que van implementar e que os orzamentos de 2021 non reflicten, estaríase na metade do persoal preciso segundo unha valoración realizada polo propio Sergas no ano 1997”.
Prado recordou que o 30% das consultas en Atención Primaria están relacionadas coa saúde mental e que hai miles de persoas e familias que viven unha “situación dramática” porque dende o sistema público non se lle está facilitando resposta. “Galiza lidera o consumo de psicofármacos no Estado”, exemplificou, “e isto sucede porque non hai nin profesionais nin recursos suficientes, polo que a única solución que queda é receitar psicofármacos”.
De igual xeito advertiu que mentres no Estado hai seis psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes, en Galiza só 3,5 e, de igual xeito, que en 2019 había máis de 8.000 persoas en lista de espera para o servizo de psiquiatría, unha cifra que se duplicou en apenas cinco anos. “A lista de espera para a primeira consulta especializada é de meses e a das consultas sucesivas de varios meses máis”, denunciou, para a continuación criticar a falta de dispositivos de saúde mental comunitarios e persoal -sobre todo no referido á atención infanto-xuvenil-, a dotación de tan só un profesional por hospital para a denominada “interconsulta de enlace coa Primaria” e dun só programa de atención ao suicidio en Ourense.
Segundo a deputada nacionalista, a falta de medios económicos, materiais e humanos da atención á saúde mental ten un déficit grave e endémico no sistema sanitario público galego, que se ve agravado agora pola pandemia. Por iso, cualificou o plan de “claramente insuficiente”, polo número de profesionais e polo modelo asistencial non que se substenta, que sigue sendo “bioloxicista” e no que non se establece garantía de protección dos dereitos das persoas doentes, nin se está a cumprir a convención internacional dos dereitos das persoas con discapacidade, nin se garante a eliminación de contención mecánica.
Neste marco, Prado exixiu incrementar nos orzamentos da Xunta para 2021 os recursos destinados a sufragar o plan nunha contía mínima de 21 millóns co obxectivo de cumprir así realmente co compromiso de dotalo con 83 millóns a catro anos. De igual xeito, reclamou un estudo sobre a prevalencia dos trastornos mentais e do estado xeral da saúde mental en Galiza; a creación nos centros de saúde de Atención Primaria de prazas de psicólogas e psicólogos clínicos e de unidades hospitalarias de atención infanto-xuvenil en todas as áreas sanitarias.