BNG rexeita un Plan Estratéxico de Galiza 2022-2030 que “ten os pés de barro” e supón un “engano” á cidadanía
“Este plan ten os pés de barro, é papel mollado, constitúe unha irresponsabilidade política e un engano para o pobo galego”. Con esta contundencia explicou o portavoz nacionalista de Emprego, Daniel Pérez, o “rexeitamento frontal” a un documento que, segundo recalcou, “non é un plan estratéxico para o País, senón unha estratexia do PP para intentar ocultar a incompetencia do goberno do señor Feixóo e, agora, a inoperancia do goberno do señor Rueda”.
Pérez recriminou á Xunta a súa incapacidade para facer unha “lectura realista” da situación de Galiza e, polo tanto, a incorporación de previsións que non son reais. “Pararon o reloxo xusto no momento que máis lles conviña para non ter que analizar en profundidade cuestións que condicionan, de xeito determinante, o escenario económico e social”, recalcou, para apuntar a continuación á ausencia no documento dunha medición definitiva do impacto da pandemia, “a profunda crise económica provocada pola suba de prezos que xa a principios de ano era evidente”, os cortocircuítos na cadea de subministros ou a grave crise enerxética, en ámbolos dous últimos casos, agravados pola guerra na Ucraína.
“Isto xa de por si, descualifica este plan do PP porque estas cuestións condicionan de xeito determinante o escenario económico e social”, incidiu logo de lembrar que xa o Consello Económico e Social advertira ao Executivo galego na súa memoria do exercicio 2020 do forte impacto na economía da crise derivada da COVID, do aumento do desemprego e da desigualdade social. “Pero a vostedes entroulles por un oído e saíulles por outro, non vaia a ser que a realidade nos chafe o relato de que en Galiza todo vai xenial”, reprobou.
Así pois, o deputado nacionalista recordou algúns dos principais indicadores económicos obviados polo PP no seu documento: case 700.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social, das que 167.000 xa se encontraban en 2021 segundo o INE en situación de carencia material e social severa, duplicando a porcentaxe en relación a 2020; Galiza atópase “no vagón de cola” en canto a salario medio e pensións, en ámbolos dous casos, os máis baixos do Estado só por riba de Estremadura; e o peso da industrial na economía galega sitúase no 15%, fronte ao 20% nos países da contorna. “O seu plan non contempla ningunha destas cuestións, como pretenden que o tomemos como un documento serio?”, cuestionou con severidade.
As propostas nacionalistas para dar resposta ás necesidades das persoas
Fronte ao que definiu como “a propaganda e o fume da Xunta do señor Rueda”, Pérez defendeu as propostas de resolución nacionalistas que, segundo subliñou, si “parten da situación real do noso País e teñen vocación transformadora”.
Así pois, no relativo ao emprego, o BNG aposta por impulsar a creación de postos de traballo vinculados ao sector público, a sectores económicos estratéxicos e a sectores emerxentes, priorizando o emprego estable e de calidade, a inserción sociolaboral da mocidade e das mulleres, a reversión do devalo demográfico e a remuda xeracional, e a reorientación e transformación da economía galega.
De igual xeito, propón a elaboración dunha Estratexia galega de Seguridade e Saúde Laboral, “para erradicar esta lacra”, na que Galiza é líder a nivel europeo dende hai anos, así como impulsar a transferencia inmediata de recursos e competencias da Inspección de traballo.
En materia de desenvolvemento económico, o BNG aposta claramente pola innovación -cun incremento progresivo do investimento en I+D+i ata situalo no 3% do PIB en 2030 e coa creación do Innogal como instrumento de atracción de persoal investigador e para fortalecer a I+D+i-, polo impulso da actividade industrial a través dun plan específico que permita situar o PIB industrial galego no 25% en 2030 e pola constitución de centros tecnolóxicos asociados a sectores industriais estratéxicos como o naval ou o enerxético.
Neste último eido, defende a promoción dunha economía baixa en carbono, coa creación dunha empresa pública de enerxía, o desenvolvemento dun novo plan eólico -que teña en conta as recomendacións da Comisión Europea, do Consello da Cultura Galega, do Observatorio Eólico de Galicia, das sentenzas xudiciais e as demandas da sociedade galega-, o desenvolvemento de sistemas de autoconsumo comunitario e comunidades enerxéticas locais, así como a promoción do autoabastecemento mediante placas solares.
O Bloque tamén propón abordar de maneira singularizada a realidade das familias monoparentais -para garantir a conciliación familiar e laboral sobre todo das mulleres nais, que son o 80% das monoparentais na Galiza-; ampliar a rede de escolas infantís públicas -especialmente no rural- e impulsar un Plan de Vivenda Galego no que se aumente a porcentaxe de vivenda pública ata, cando menos, un 5%.
No ámbito sanitario, as propostas nacionalistas pasan por incrementar ata o 25% o orzamento en Atención Primaria -para chegar á media do Estado-, planificar o número de profesionais para axustalo ás necesidades reais, eliminar as listas de espera hopitalarias e incrementar o número de profesionais, desenvolver o Plan galego de Saúde Mental e de Prevención do Suicidio e aumentar os centros residenciais de maiores, as prazas públicas de xestión directa e buscar un novo modelo residencial máis próximo, comunitario e participativo.
Respecto da educación pública, propón un plan orzamentario que, dotado con 100 millóns de euros anuais, posibilite, entre outras cuestións, reforzar o profesorado e repoñer a gratuidade universal dos libros de texto e do material didáctico. Ademais, aposta por potenciar a cultura e a lingua galega como elementos clave para acadar unha sociedade inclusiva e cohesionada, así como dotar á cultura do status de dereito esencial para a sociedade galega, que ademais xera valor económico e emprego. Por último, o Bloque propón tamén a negociación dun novo modelo de financiamento que garanta a suficiencia financeira para impulsar políticas de gasto que posibiliten a consecución dos obxectivos estratéxicos e, polo tanto, o exercicio do autogoberno.
“Propostas pensadas para dar resposta ás necesidades reais das persoas, partindo dunha diagnose honesta da situación social e económica do noso País, porque temos os pés na terra, pateamos as rúas, escoitamos á xente, coñecemos a realidade do noso tecido produtivo e temos o País na cabeza e cremos firmemente nel”, resumiu Pérez para concluír a súa intervención durante o debate parlamentario do plan.