BNG rexeita a nova suba do canon de Sogama para 2025 e chama os concellos a rebelarse contra a sucesión de “sablazos”

Luís Bará

Luís Bará anuncia iniciativas no Parlamento e nos concellos para frear o “taxazo” de Sogama e impulsar cambios no sistema de xestión de residuos   

O BNG rexeitou o anuncio dunha nova suba do canon de Sogama para 2025 e chama os concellos a rebelarse contra a sucesión de “sablazos”. Anuncia ademais a presentación de iniciativas no Parlamento e nos concellos para impulsar cambios no sistema de xestión de residuos, substituíndo a “custosa e antiecolóxica incineración por tratamentos baseados na recollida separada, a reutilización e a reciclaxe”.

O deputado de Medio Ambiente, Luís Bará anunciou este venres o chamamento á “rebelión democrática contra esta nova imposición e este ataque da Xunta contra os concellos”, xa que, asegurou,  “a suba supón unha nova carga millonaria sobre unhas arcas municipais xa moi tensionadas polo déficit de financiamento e polo incremento das competencias”, sen o necesario trasvase de recursos, advertiu.

“É o momento de dicir basta, de plantarlle cara ás decisións unilaterais e abusivas da Xunta. Por iso chamamos á rebelión democrática dos concellos contra o abuso de poder, a imposición e o desprezo á autonomía municipal”, incidiu.

Despois do “globo sonda” enviado pola Xunta que anuncia unha nova suba do canon de Sogama para o ano 2025 (de 88 a 108 euros por tonelada), o BNG fai público o seu rotundo rexeitamento e firme oposición a esta nova medida abusiva, desproporcionada e que supón un novo sablazo para as mermadas arcas municipais, logo da suba do 30% aplicado pola Xunta o pasado mes de xullo, que incrementou a factura que pagan os concellos dos 68 ás 88 euros por tonelada”. Bará quixo lembrar que, xa daquela, a Fegamp, por iniciativa do BNG,  aprobou unha resolución contra o incremento deste canon.

Cara a un novo modelo de xestión dos residuos municipais

Xunto con este rexeitamento aos “taxazos” de Sogama (o aprobado en xullo e o anunciado para 2025), Bará anuncia que BNG proporá no parlamento “un xiro na política de residuos, primando e incentivando a recollida selectiva, a reutilización e a reciclaxe, fronte ao costoso e antiecolóxico sistema Sogama, baseado na incineración e o vertido, solucións que supoñen o 80% dos residuos tratados nas instalacións de Cerceda”  e que -recorda- están penalizadas pola normativa europea”.

“En lugar de abrir un debate sobre a cuestión dos residuos e introducir cambios no sistema de xestión para adaptado ás esixencias da directiva marco de residuos, a Xunta opta por facerlle pagar aos concellos o fracaso dun sistema centralizado, obsoleto, moi custoso e antiecolóxico. A Xunta opta pola solución fácil dun novo sablazo aos concellos, seguindo coa súa especialidade de buscar culpables en lugar de propoñer solucións”, recalcou.

“Non é aceptable que a solución que debería ser prioritaria, a recollida separada e compostaxe dos biorresiduos supoña un ridículo 0,3% dos residuos xestionados por Sogama cando supoñen case o 50% do total dos residuos municipais”, concluíu.