BNG rexeita a modificación da Lei de Saúde por limitar dereitos fundamentais: restricións e sancións, a resposta do PP á COVID
BNG rexeita a modificación da Lei de Saúde da Xunta por pretender limitar e confinar dereitos fundamentais das galegas e galegos e que se pretende aprobar “en quente”, inmersos nunha terceira onda da pandemia e aproveitando o estado de shock no que se atopa a cidadanía.
Así o manifestou a portavoz nacionalista de Sanidade hospitalaria, Iria Carreira, durante o debate no Parlamento galego da modificación da norma á que se leva tempo invocando para, supostamente, dispor de ferramentas axeitadas coas que facer fronte á pandemia, pero que, segundo subliñou, “curiosamente o que vén poñer enriba da mesa non son medidas sanitarias senón medidas de carácter restritivo e punitivo”.
Carreira asegurou que a reforma legal vén “dotar de corpo lexislativo a acusación e a culpabilización do pobo galego do desenvolvemento e evolución da pandemia” e afeou que poña o foco en posibles incumprimentos individuais, en condutas marxinais e puntuais, “en lugar de centrala na responsabilidade que ten o goberno á hora de manter e dotar debidamente o sistema sanitario, os servizos sociais, o ensino, as administracións e o investimento social e económico que se está realizando”.
“Cando estamos a ter unhas cifras arrepiantes de pacientes contaxiadas e ingresadas, cando levamos máis de 2.000 persoas falecidas, resulta miserento que a reforma lexislativa que o PP trae para tratar de poñer freo á pandemia verse sobre a responsabilidade individual sobre as sancións que se deben impoñer en cada caso e non aporte realmente medidas sanitarias”, recalcou.
Segundo indicou, a norma pretende pola vía de lei ordinaria introducir un “estado de alarma permanente”, coa supresión ou limitación de dereitos fundamentais sen un límite temporal claro, e contemplando tamén a obrigatoriedade de realizar tratamentos, probas diagnósticas ou aplicar medidas de profilaxe como a vacinación sen necesidade de contar coa aprobación das/dos pacientes.
Neste sentido argumentou que en Galiza a porcentaxe de vacinación é elevadísima “porque somos un pobo que acredita na ciencia” e que, en consecuencia, o problema non é “o discurso negacionista o que dá ás o PP co enfoque político desta lei”, senón “a falta de persoal sanitario, da sobrecarga de traballo, a falta de tempo para atender a doentes con outro tipo de patoloxías e, por suposto, a falta de vacinas”.
Para a deputada nacionalista, “restricións e sancións son os instrumentos que presenta o PP para loitar contra a pandemia”, mais non se fai ningunha mención na reforma a “reforzar o sistema sanitario, dotalo de profesionais suficientes e medios axeitados, ou de intervir residencias de maiores e persoas con discapacidade”, reprochou, logo de reclamar unha vez máis o reforzo dos sistemas de saúde pública e o desenvolvemento dun sistema de rastrexo áxil e resolutivo.
Nesta liña tamén apelou á urxencia de robustecer especialmente unha Atención Primaria totalmente “asfixiada” e á necesidade de crear un sistema público de investigación sanitaria. En definitiva, o BNG considera “un grave erro” enfocar un problema de saúde pública como se fose un problema de orde pública”, en vez de aproveitar esta reforma legal como unha oportunidade para acometer cambios estruturais que melloren e fortalezan o sistema público de saúde dende unha perspectiva integral.
Carreira rematou a súa intervención reprendendo ao PP a súa “falta de vontade para chegar a acordos”, logo de que este rexeitara todas as emendas nacionalistas que contribuír á mellora da norma salvo unha, “a que menos traballo lle supón á Xunta: revisar a linguaxe sexista do texto”. Sen restarlle importancia a esta cuestión, a deputada utilizouna como exemplo da falta de diálogo do grupo que sustenta ao Executivo: “soa a broma que esta sexa a única emenda que están dispostos a aceptar”, concluíu.