BNG rexeita a lei de Parques Nacionais porque usurpa competencias na xestión das Illas Atlánticas

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu hoxe á tribuna da Cámara Baixa para defender a emenda á totalidade do BNG ao proxecto de lei de Parques Nacionais porque “supón un importante retroceso polo seu enfoque centralista e polo seu enfoque comercial por avanzar cara a explotación comercial de determinadas actividades e privatización de servizos de zonas de grande valor ambiental”.

Usurpa competencias e rebaixa o nivel de proteción

Davila lembrou que a lexislación en vigor, promulgada en 2007, acolleuse á doutrina do Tribunal Constitucional que refrendou as competencias autonómicas en materia de ordenación e xestión de Parques Nacionais. “Este proxecto de lei é unha volta atrás ao reservar ao estado amplias faculdades na planificación da rede de parques nacionais, ademáis de limitar a participación de las CC.AA”.

Polo tanto, denunciou a deputada do BNG, “tanto no proceso de planificación da rede de parques nacionais como á hora de concretar a delimitación dos espazos, a capacidade de decisión recae en exclusiva na Administración Xeral do Estado, relegando ás CC.AA a unha participación testemuñal”. Máis, lamentou, o aspeito máis regresivo refírese “á limitación absoluta na xestión de parques nacionais que abranguen espazos marítimos por parte das CC.AA, deixando o control absoluto en máns do estado”.

Davila criticou especialmente este retroceso que afecta a Galiza porque unha parte importante do seu territorio está volcado cara a costa: “a retirada da participación autonómica na xestión de espazos marítimos que están declarados parques nacionais, recentralizando as súas funcións, é unha auténtica usurpación a Galiza ao retirarlle calquer cometido e intervención no Parque das Illas Atlánticas”. O BNG defende que a administración destes espazos estea nas máns da Xunta que é a administración máis cercana.

A segunda cuestión que Davila criticou é a referente á redución do nivel de proteción dos parques nacionais, ao permitir novas posibilidades de actividades que eran incompatíbeis até o de agora, algo denunciado por organizacións ecoloxistas.