BNG rexeita unha Lei do Audiovisual que non garante a presenza do galego

Néstor Rego

O deputado Néstor Rego lamenta a oportunidade perdida e a falta de vontade dos partidos do Goberno para asegurar o dereito a acceder a contidos na nosa lingua e para apoiar a produción independente

Durante o debate do Proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, apuntou que o resultado final do texto lexislativo “non está á altura do esperado” para a organización nacionalista nin tampouco para os diversos sectores da sociedade. Rego anunciou que o BNG vota non á Lei por non garantir a presenza de todas as linguas oficiais do Estado -e, por tanto, o galego-, por “deixar os produtores independentes ao pé dos cabalos do duopolio televisivo”, por non asegurar cotas que reduzan a fenda de xénero e por abrir a porta á privatización dos medios públicos.  

“Esta Lei Xeral de Comunicación Audiovisual xerou moitas expectativas en diversos sectores que, lamentabelmente, estanse vendo frustradas por un resultado que, aínda que supón algúns avances, non está á altura do esperado” apunta o deputado do BNG.

Para a organización nacionalista, é especialmente preocupante que a redacción do articulado non garanta a presenza de todas as linguas oficiais, “por tanto, do  galego, nas plataformas ou medio públicos, para alén de deixar excluídas as grandes plataformas audiovisuais coa matriz fora do Estado español”. Entende que se está ante unha “oportunidade perdida” de realmente poder avanzar na igualdade das linguas e “garantir o dereito dos  galegos e  galegas de poder acceder a contidos audiovisuais na nosa lingua”.

Alén do máis, Rego apuntou a frustración que xera no sector a introdución dunha  emenda por parte do PSOE que deixa “os produtores independentes aos pés dos cabalos do duopolio televisivo e das grandes plataformas”. Decepción, tamén, da organización soberanista por non incorporar, como propoñía o BNG, cotas que realmente puidesen “reducir a fenda de xénero e dar a visibilidade que en xustiza merecen as directoras e produtoras”. Rego presentou unha emenda que propuña reservar unha porcentaxe mínima de 40% para as obras audiovisuais ou pezas cinematográficas dirixidas ou creadas exclusivamente por mulleres, que non foi aceptada.

O deputado nacionalista manifestou tamén a “gran preocupación por un artigo que abre a porta á privatización dos medios públicos”. Segundo destacou Rego, “coñecida a adicción do Partido Popular ás privatizacións, faltaralle tempo ao sucesor de Feixóo no Goberno galego para tentar privatizar unha Compañía de Radio e Televisión de Galiza que xa foron deteriorando e controlando politicamente, -hai que dicilo- non sen o rexeitamento firme dos traballadores e traballadoras de  Defende a  Galega que levan xa 209  Venres Negros, 209 semanas protestando. Que saiban que non llo imos a permitir”.

 

A estas cuestións, a organización nacionalista tamén presentou emendas para garantir a financiación pública de proxectos audiovisuais nas linguas oficiais do Estado diferentes do español e respectar os dereitos de autor. “Apostamos pola descentralización dos centros de referencia e a conservación dos arquivos audiovisuais, así como reclamamos- tal e como se recolle no acordo de investidura- a recepción de todas as televisións e radios portuguesas na Galiza” subliña o deputado.