A deputada do BNG, Olalla Rodil rexeitou a lei de acompañamento polo “uso e abuso” do PP para modificar leis “pola porta de atrás” e furtando o debate social e parlamentario. Na súa opinión, o PP utiliza este instrumento que “nada ten que ver cos Orzamentos”.
Este ano, explicou Rodil, o PP modificou tres das cinco leis aprobadas no ano 2019, a Lei de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, sete meses en vigor, a Lei de administración dixital, tres meses e a lei de Patrimonio, tres meses, e Lei de patrimonio natural natural e da biodiversidade con dous meses en vigor. Mudanzas, dixo que son xustificadas como “puntuais” para “corrixir erros” pero en realidade, representan un claro “exemplo de improvisación”.
A deputada lembrou que foron modificadas 30 leis “dun plumazo” ás que sumou 46 reformas a través deste sistema desde 2017, é dicir, “76 leis reformadas por esta vía no que vai de lexislatura”.
A deputada fixo fincapé na nula relación das modificacións das leis cos orzamentos entre as que nomenou: A Lei de caza para autorizar a caza a man e ao salto no caso do xabaril ou a Lei de Protección da paisaxe para modificar os plans de acción que o “PP leva unha década sen executar”.
Sobre a Lei de Fomento da Investigación e Innovación de Galiza do ano 2013, é a terceira vez, recalcou a deputada que a reforman a través da Lei de acompañamento aos Orzamentos. Fixérono en 2015 e 2017 e agora volven outra vez a modificar os contidos mínimos que debe incluir o plan galego de investigación. Para que a reforman? preguntou. A finalidade non é outra máis que suprimir o período temporal de vixencia que fixaba en 5 anos, suprimir parte dos contidos mínimos que debe incluír o plan, entre eles a relación de programas que o compoñen, os medios que son necesarios para desenvolvelo e a información precisa para a elaboración destes programas. Para o BNG, a investigación e a innovación resulta un eixo estratéxico para o desenvolvemento económico, social e cultural de Galiza que non debe regularse “a impulsos, sen diálogo, sen participación e a través da lei de acompañamento”.
Pero despois, ironizou, están os clásicos. Leis reformadas pola porta de atrás como a Lei do solo para permitir que os promotores de solo urbano non consolidado poidan entregar aos concellos en metálico o 10% do seu valor en lugar de solo, permitir os cambios de uso en construcións que están fóra de ordenación ademáis de manter o solo rústico para usos prohibidos. É dicir, “no canto de someter a un réxime servero de limitacións os edificios contrarios á normativa urbanística, facilítanlle unha segunda vida favorecendo usos diferentes.”
A Lei de mobilidade de terras, engadiu a ancionalista, tamén foi reformada en catro ocasións así como a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais do ano 2007. A esta lei, o único que lle queda da versión orixinal é o nome. E o que sabemos é que Medio Rural quere agora impulsar unha nova”.E para que? Volveu a preguntar a deputada ao que ela mesma respondeu, para “legalizar o convenio asinado pola Xunta e a FEGAMP no mes de abril, relativo ao sistema público de xestión de biomasa e para que os traballos de limpeza das franxas de protección poidan facerse a través de obradoiros de emprego”.
Reforman tamén a Lei de servizos sociais, deporte, turismo, patrimonio cultural, portos, augas, cooperativas, saúde, comercio interior, transporte, estradas e inclusión social.
Desde o BNG, reiterou a deputada, “nin concordamos, nin apoiamos esta forma de lexislar, especialmente en reformas de calado” e insistiu en que este instrumento do que “abusa” o Partido popular, “furta o debate social e parlamentario e supón un mecanismo excepcional que o Partido Popular converteu en norma”.