BNG rexeita a introdución das ‘desordes públicas agravadas’, que poderá ser usada para reprimir as protestas sociais
Néstor Rego entende positivo eliminar o delito de sedición mais denuncia a substitución por outro tipo penal que poderá ter unha utilización máis ampla e implicar un retroceso nas liberdades e dereitos públicos
“A xustiza desestimou a denuncia interposta pola familia Franco contra 19 persoas por ocupar o Pazo de Meirás; con esta modificación proposta por PSOE e UP, probabelmente a resolución tería sido diferente porque se pena con cárcere a ocupación como protesta de edificios públicos ou privados ” alerta Rego
O Bloque Nacionalista Galego alerta que a eliminación do delito de sedición proposta por PSOE e UP pode supor un retroceso nas liberdades e dereitos públicos ao se introducir o tipo penal de ‘desordes públicas agravadas’, que poderá ser utilizado para reprimir calquera protesta social contra o poder. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, partilla a necesidade de desxudicializar a vida política a través da eliminación do delito de sedición mais avanza o rexistro de emendas ao texto lexislativo para corrixir as ‘contrapartidas’ introducidas, polo riso de que posibiliten a vulneración de liberdades públicas e dereitos como o de manifestación.
Após o rexistro da proposta reforma do Código Penal para eliminar o delito de sedición, realizada por PSOE e UP, o deputado do BNG esa modificación era necesaria “para acabar coa xudicialización da vida política” e eliminar esta ferramenta lexislativa empregada polo Estado “para a persecución política da disidencia, sobre todo de posicións soberanistas e independentistas”, mais rexeita que sexa substituído por outro tipo penal que pode ter unha utilización moito máis extensa.
“Parécenos positivo que se elimine o delito de sedición mais non que sexa substituído por outro delito que, ademais, pode ter unha aplicación máis ampla e máis extensa como é o delito de desordes públicas agravadas” contrasta o deputado nacionalista. Esta modificación, explica Rego, introduce elementos que, ademais de aumentar a discrecionalidade, podería permitir a persecución de calquera tipo de protesta social e de discrepancia política que se exprese en forma de mobilización popular. “Cremos que é un erro e é tremendamente preocupante porque entendemos que hai un retroceso nas liberdades e dereitos públicos que o BNG, de ningunha maneira, pode apoiar” salienta.
Rego destaca a inclusión do concepto de ‘intimidación’, un termo “tremendamente subxectivo” que pode provocar “a persecución e condena de persoas que participan nunha mobilización, simplemente polo feito de que alguén -especialmente as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado- declare que se sentiu intimidada”. O deputado nacionalista entende que esta acusación “é algo que dificilmente se pode demostrar” mais dada a habitual inversión da carga da proba “quen tería que demostrar que non houbo intimidación serían as persoas acusadas”.
Mesmo, explica o deputado nacionalista, o texto permite que se poidan condenar a persoas que participan na ocupación simbólica e pacífica dun edificio público. Exemplifica este feito coa ocupación do Pazo de Meirás, realizada en 2017, por un grupo de activistas -entre os que se atopaba o deputado nacionalista- que reclamaban a devolución do pazo ao pobo galego. “A xustiza desestimou a denuncia interposta pola familia Franco contra 19 persoas por ocupar o Pazo de Meirás; con esta modificación proposta por PSOE e UP, probabelmente a resolución tería sido diferente porque se pena con cárcere a ocupación como protesta de edificios públicos ou privados”, alerta Rego.
“Entendemos que hai un risco real de retroceso nas liberdades e dereitos públicos” explica o deputado no Congreso, que anuncia o rexistro de emendas ao texto para modificar os elementos que non garanten -e mesmo vulneran- o exercicio de liberdades públicas e dereitos democráticos.