BNG rexeita a instalación da eólica mariña na costa galega e defende o sector pesqueiro e marisqueiro
Ana Miranda: “Estamos en Cangas para defender o sector pesqueiro ameazado polo espolio eólico mariño”
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e candidata ás eleccións europeas do 9 de xuño, rexeitou a instalación da eólica mariña na costa galega. “Estamos en Cangas para defender o sector pesqueiro e marisqueiro de Galiza que está sendo ameazado por este espolio eólico mariño que queren facer os gobernos e que nós vimos denunciando desde hai moitos meses”, subliñou a eurodeputada galega na concentración convocada na vila do Morrazo.
Ana Miranda lembrou que xusto hai un ano o BNG organizou na Eurocámara unha conferencia co título “Sobre eólica mariña: cara un novo fracaso ambiental?”, e na que participou unha delegación galega “para denunciar este espolio eólico nos nosos mares”. Como candidata do Bloque avanzou que no Parlamento Europeo seguirá “loitando polo sector fronte esta ameaza”, tal e como leva facendo nas institucións europeas.
En concreto, na Comisión de Pesca da Eurocámara, Ana Miranda denunciou en diversas ocasións a falta de participación do sector pesqueiro na elaboración dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), que regulan a instalación da eólica mariña na costa galega. Ademais, denunciou a falta da avaliación rigorosa do impacto social e medioambiental da implantación da eólica mariña no banco pesqueiro galego.
A loita pasa polo BNG
“Sabendo que a cabeza de lista do PSOE ao Parlamento Europeo é Teresa Ribera temos unha seria ameaza para o sector porque ela vai pular por eses plans”, manifestou a candidata do Bloque, quen asemade destacou que “sabendo como é o señor Rueda, que deixou que as empresas enerxéticas colleran forza neste país, cremos que a única loita que queda pasa polo BNG”.
De feito, na concentración de hoxe, ademais de Ana Miranda, participou unha nutrida representación de cargos do Bloque nas distintas institucións, como as deputadas no Parlamento Galego, Rosana Pérez e Carmela González, e o deputado Paulo Ríos; as alcaldesas de Cangas e Moaña, Araceli Gestido e Leticia Santos, respectivamente; e os membros da candidatura ás eleccións europeas Bieito Lobeira e Kevin González.
O Goberno do Estado, co silencio cómplice do Goberno da Xunta, pretende instalar o 43% da eólica mariña nas costas galegas. Trátase dun total de 2.200 quilómetros cadrados de costa para a eólica mariña, o 43% do total de todo o Estado, o cal suporía un golpe mortal para o sector pesqueiro galego e a perda de miles de postos de traballos directos e indirectos e a desaparición dun sector estratéxico para Galiza.
Por outro lado, segundo os os datos elaborados a petición da Xunta polo Departamento de Economía Aplicada da USC de 2019, só a pesca representa case o 2% de todo o PIB de Galiza e 31.000 postos de traballo directos. O sector do mar no seu conxunto (pesca, marisqueo, miticultura, piscicultura e conserva), supón o 4,8% do PIB galego, cunha facturación de cerca de 12.000 millóns de euros, 64.000 postos de traballo directos.