BNG rexeita o incremento do gasto militar frente ás necesidades sociais
O Goberno español dedícase a facer manobras militares “cando a inmensa maioría dos galegos e galegas teñen que facer manobras para chegar de maneira digna a final de mes”, recrimina Rego
A organización nacionalista defende aumentar o investimento en políticas sociais e de desenvolvemento económico para paliar a escalada de prezos e critica a decisión do executivo estatal de aumentar o gasto militar
O BNG manifesta en Noia a súa oposición ante a decisión do Goberno do Estado de realizar manobras militares na comarcas de Muros-Noia e O Barbanza que deron comezo hoxe e que rematarán o vindeiro día 25. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a responsábel comarcal do BNG Muros-Noia, Soledad Agra, reclaman que se destine o investimento militar a políticas sociais e de desenvolvemento económico para axudar á cidadanía ante a escalada de prezos que se está producindo, agravada agora polo conflito na Ucraína. Reclama ao executivo estatal abandonar toda posición belicista e a apostar, de maneira decidida, pola vía pacífica e diplomáticas.
A responsábel comarcal do BNG Muros Noia, Soledad Agra, amosa o rexeitamento da organización nacionalista á decisión do Goberno do Estado de realizar, neste momento, manobras militares no monte Iroite. “Xusto nun momento en que a situación é moi precaria para todas as galegas e galegos coa subo de prezos do combustíbel, a enerxía, etc” explica Agra, “non é o momento para investir en gasto militar se non para despregar axudas para a cidadanía” reivindica a responsábel do BNG.
Así mesmo, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, ve esta decisión como “duplamente preocupante”. Por unha parte, porque acontece nun clima bélico sen precedentes alimentado polo Goberno español en relación co conflito na Ucraína. “Hai que lembrar que decidiu enviar efectivos militares á zona e enviou armamento e, ademais, anuncia o incremento do investimento militar até 2% do Orzamento. Se aumenta neste tipo de áreas, diminuirán as partidas noutro tipo de políticas como as sociais ou as de desenvolvemento económico que son as que se precisan neste momento” subliña voceiro nacionalista e adianta que o BNG rexistrará iniciativas no Congreso en contra dese aumento do gasto militar.
Por outra banda, reitera o deputado nacionalista, estas manobras acontecen “nun momento de especial precariedade e dificultade social e económica, cunha escalada de prezos sen precedentes, e sen que o Goberno español e galego adoiten medidas eficaces para contelo”. Unha escalada de prezos, explicou Rego, que produce perda de poder adquisitivo e empobrecemento das maiorías sociais nun contexto en que se precisan “medidas de axuda e apoio aos sectores máis desfavorecidos”.
“Parécenos absolutamente innecesario e improcedente que se realicen estas manobras e se contribúa a ese clima belicista e que se gasten recursos públicos cando se deberían de investir en políticas sociais e económicas” subliña o deputado do BNG. Así mesmo, lembra que, na iniciativa rexistrada no Congreso, pregunta ao executivo estatal cal será o custo total destas manobras.
O Goberno español dedícase a facer manobras militares “cando a inmensa maioría dos galegos e galegas teñen que facer manobras para chegar de maneira digna a final de mes”, recrimina o deputado nacionalista, e considera “inxustificábel” esta decisión do executivo estatal e manifesta con rotundidade a posición contraria do BNG e reclama ao Goberno do Estado que “aposte decididamente por abandonar o belicismo e o aumento do gasto militar e apostar por políticas de paz e desenvolvemento social e económico”.